A Deputación remata as obras de mellora da estrada provincial EP-7103 Cerdedo-Castro-Quireza, cun investimento de 185.000 euros

A deputada de Infraestruturas Públicas, Isabel Couselo, percorreu a estrada provincial ao seu paso por Deán e Castro xunto co alcalde de Cerdedo-Cotobade e tamén deputado provincial, Jorge Cubela, para coñecer as actuacións desenvolvidas

22/05/2024

Remate as obras de mellora da estrada provincial EP-7103

A Deputación de Pontevedra acaba de rematar as obras de mellora da estrada provincial EP-7103 Cerdedo-Castro-Quireza nas que investiu 185.000 euros. A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación,  Isabel Couselo, percorreu a estrada provincial ao seu paso por Deán e Castro xunto co alcalde de Cerdedo-Cotobade e tamén deputado provincial, Jorge Cubela, para coñecer as actuacións desenvolvidas.

As obras acometidas nesta estrada provincial de Cerdedo-Cotobade, tal e como informou a deputada provincial, comprenderon por unha banda actuacións de asfaltado e pola outra a execución de cunetas de seguridade, ámbalas dúas enmarcadas no Acordo Marco de Obras de Conservación de Firmes das Estradas provinciais (lote 2) e no Acordo Marco de Cunetas de Seguridade (lote 1). Ao detalle, asfaltáronse tramos da estrada provincial nos núcleos de Deán e de Castro, por importe de 85.000 euros, e executáronse cunetas de seguridade no núcleo de Deán, cun investimento de 100.000 euros.

No marco do Acordo Marco de Obras de conservación de Firmes das Estradas Provinciais (lote 2) executáronse traballos, ademais de en Cerdedo-Cotobade, nos concellos de Silleda, A Estrada, Valga, Catoira e Caldas de Reis, cun orzamento total de preto de 900.000 euros. No caso do Acordo Marco de Cunetas de Seguridade (lote 1) ademais de neste concello impulsáronse actuacións en Lalín, Dozón, Rodeiro, Agolada, Vila de Cruces, Silleda, A Estrada, Forcarei, Caldas, Cuntis, Valga e Catoira cun investimento de preto de 700.000 euros.