A Deputación avanza na posta en marcha do proxecto europeo Chestnutcare para protexer os castiñeiros fronte aos desafíos climáticos e biolóxicos

O Pazo provincial acolleu a primeira reunión do comité de xestión e coordinación dunha iniciativa transfronteiriza dotada con máis de 930.000 euros e liderada pola Deputación de Pontevedra

28/06/2026

Reunión do proxecto Chestnucare

A Deputación de Pontevedra acolleu a primeira reunión do Comité de Xestión e Coordinación do proxecto europeo Chestnutcare (Estratexia innovadora transfronteiriza para a protección dos castiñeiros ante desafíos climáticos e biolóxicos), unha iniciativa aprobada no marco da sexta convocatoria do programa de cooperación Interreg VI A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027 e que conta cun orzamento total de 930.000, financiado nun 75% con fondos FEDER. A institución provincial lidera este proxecto como beneficiaria principal, nun partenariado integrado por cinco entidades de Galicia e do norte de Portugal: o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (INORDE), o Instituto Politécnico de Bragança, o Instituto Politécnico de Viana do Castelo e a empresa Fauna Útil S.L.

A reunión congregou no Pazo provincial ás persoas representantes das entidades socias, que estableceron as bases para o desenvolvemento das actividades técnicas previstas na memoria de traballo e revisaron os aspectos de xestión e coordinación necesarios para a correcta execución do proxecto. Chestnutcare nace co obxectivo de dar resposta aos principais retos que afrontan os soutos e castiñeirais do territorio transfronteirizo, especialmente os derivados do cambio climático e das ameazas biolóxicas que poñen en risco un recurso de grande valor ambiental, económico e patrimonial para Galicia e o norte de Portugal.

Reunión do proxecto Chestnucare

O deputado provincial Javier Tourís foi o encargado de clausurar o encontro poñendo en valor a importancia da cooperación entre administracións, centros de investigación e empresas para afrontar retos compartidos. “Os desafíos ambientais e climáticos non entenden de fronteiras, polo que a colaboración entre territorios é fundamental para atopar solucións innovadoras e eficaces. Proxectos como Chestnutcare demostran que a cooperación é a mellor ferramenta para protexer o noso patrimonio natural e garantir o seu futuro”, destacou.

Tourís tamén subliñou a relevancia de que a Deputación de Pontevedra lidere iniciativas europeas deste tipo, que permiten captar fondos e impulsar proxectos estratéxicos con impacto directo no territorio. “Temos a responsabilidade de aproveitar todas as oportunidades que ofrece Europa para desenvolver accións que contribúan á sustentabilidade, á conservación dos nosos recursos naturais e ao desenvolvemento das nosas zonas rurais”, sinalou.

Logos