Luisa Sánchez anuncia que a Deputación financiará o 70% da humanización da rúa Rosalía de Castro, en Vigo, que incorporará pérgolas e novos puntos de encontro cidadán
A vicepresidenta celebra a “transformación” que experimentará o treito situado entre as rúas Pontevedra y República Arxentina, onde o asfalto e as beirarrúas darán paso a unha plataforma única que reducirá a temperatura no verán
30/04/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, anunciou este xoves que a institución provincial financiará o 70% da humanización da rúa Rosalía de Castro, no treito comprendido entre as rúas Pontevedra e República Arxentina. Unha actuación que abranguerá un tramo de 110 metros de lonxitude e unha superficie duns 3.743 metros cadrados.
Esta mellora, na que a Deputación de Pontevedra investirá 1,7 millóns de euros e o Concello de Vigo achegará preto de 700.000 euros, executarase co cargo ao orzamento que a institución provincial reserva cada ano para convenios en favor da cidade olívica.
O proxecto contempla a “transformación” da fisionomía da rúa neste punto, optando pola igualación de pavimentos para crear unha plataforma de uso compartido, polo establecemento dun carril en cada sentido e pola substitución do aglomerado asfáltico por formigón desbastado con disco. Estes trocos permitirán reducir a velocidade dos vehículos, minimizar ruídos e rebaixar a temperatura ambiente.
Ademais, crearanse novas zonas de sombra e lugares de encontro cidadá, que gañan terreo con respecto ao tráfico rodado. De feito, a superficie destinada a áreas peonís e xardíns aumenta ata o 69% do total.
Espazos
A reforma, da que Luisa Sánchez deu conta á veciñanza de Rosalía de Castro, adaptará a súa xeometría ás árbores existentes e creará varios espazos diferenciados.
O primeiro deles prevé a instalación bancos e vexetación para limitar a instalación de terrazas das cafeterías, establecendo unha barreira que libere as beirarrúas para a circulación e estancia pública.
O segundo contempla a colocación de dúas grandes pérgolas circulares que darán sombra e xerarán un ambiente protexido. Este punto acollerá igualmente unha concentración de bancos en arco ou lineais, engadindo unha mesa de reunión e disimulando a saída peonil do estacionamento.
Un terceiro parladoiro formúlase ao sol, cunha idea máis relaxada que consta de bancos en arco que forman un círculo na bisagra de encontro entre os distintos ámbitos.
Finalmente, o proxecto contempla a creación dun pequeno paseo con flores naturais en xardineiras e artificiais de grande escala, a modo de parasoles, nos que se incorporan xogos de sombras con textos de Rosalía de Castro. Aquí aproveitase a posición para captar enerxía solar destinada á carga de patinetes e bicicletas eléctricas. Amais, dotarase á confluencia das saídas do aparcamento soterrado dun lugar de encontro con vexetación.
Esta remodelación deste treito da rúa Rosalía de Castro responde aos novos modelos de sustentabilidade urbana, con máis sitio para os peóns, zonas de sombra e redución da temperatura no verán. Segundo salientou Luisa Sánchez, “imos converter un espazo case baleiro dedicado principalmente ao tránsito nun lugar de destino no que o obxectivo é pasar tempo”.
Convenio
A vicepresidenta provincial informou de que o persoal técnico da Deputación de Pontevedra remitiu este xoves ao Concello de Vigo pequenas observacións sobre o proxecto. Apreciacións de carácter menor que, en todo caso, non impedirán avanzar na tramitación do correspondente convenio entre administracións. Ao fío, recordou que a obra poderá comezar no momento que desexe a administración local.
Neste sentido, amosou a súa satisfacción polo investimento récord que está a acadar a Deputación de Pontevedra en Vigo, con 47 millóns de euros comprometidos nos dous últimos anos para actuacións “tan importantes” como a recuperación do Teatro Cine Fraga, a reconstrución da bancada de Gol no Estadio de Balaídos, a remodelación da piscina de Teis, a creación dun gran parque de xogos en Finca Matías ou a reforma de rúas como San Roque, Pintor Colmeiro ou Clara Campoamor, entre outras. “Unha cantidade nunca vista con anterioridade”, remachou.
