O castelo de Soutomaior acolle esta fin de semana as últimas visitas teatralizadas de Samaín deste ano

Entre o venres e o domingo daranse cita no castelo 180 persoas nesta actividade que ofertou neste mes de outubro 24 pases cun total de 720 prazas, todas esgotadas

26/10/2023

As visitas teatralizadas de Samaín ao castelo de Soutomaior rematan esta fin de semana coa participación de 180 persoas. Deste xeito, as sesións, nas que as persoas participantes “o pasan ben pasándoo mal”, comezarán ás 20:00 horas do venres cunha visita teatralizada dirixida ao público adulto que tamén se repetirá o sábado, 28 de outubro, á mesma hora. Pola súa banda, as visitas familiares terán lugar o sábado e domingo, 28 e 29 de outubro en dobre sesión, ás 11:30 e ás 16:30 horas. Está previsto que participen nas actividades desta fin de semana 180 persoas, que se sumarán ás outras 540 que xa pasaron polo castelo neste mes de outubro.

Tanto as visitas nocturnas, para público adulto, coma as familiares, dirixidas ás e aos máis pequenos da casa, estarán a cargo da compañía Troula Animación e partirán da idea de que as persoas asistentes “o pasen ben pasándoo mal”. Nas actividades destinadas ao público adulto (idade recomendada a partir dos 16 anos) as e os participantes  porán a proba a súa valentía nunha visita guiada onde nada é o que parece. Pola súa banda, nas dirixidas ao público infantil o público gozará dunha historia terrorificamente divertida.  En cada sesión participarán 30 persoas.

Ademais, este sábado tamén terá lugar no castelo de Soutomaior un obradoiro para familias nas que se lles amosará o mundo do Samaín e as árbores e froitas típicas desta época do ano. Esta sesión, así como a do Magosto, previsto para o 4 de novembro  que inclúe unha saída polo bosque para recoller castañas e degustalas, ten tamén todas as prazas esgotadas.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.