A vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Fernández-Tapias, participa na sesión constitutiva do Pleno da Comisión de Deputacións da FEMP

06/02/2024

Sesión constitutiva do Pleno da Comisión de Deputacións da FEMP

A vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, acaba de participar na sesión constitutiva do Pleno da Comisión de Deputacións Provinciais, Cabidos e Consellos Insulares da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Fernández-Tapias amosou a súa satisfacción por participar “nun encontro que pon de manifesto a importancia que este Goberno provincial lle outorga ao municipalismo e a tender pontes con outras institucións para avanzar na construción dunha provincia máis dinámica, próspera e con maiores oportunidades”.

A mediados de xaneiro a presidenta da FEMP, María José Pelayo, visitou a provincia de Pontevedra para coñecer o compromiso do Goberno provincial cos concellos da man do presidente, Luis López, e membros da corporación. López, amais de formar parte da citada comisión, é tamén vicepresidente segundo da Rede Española de Cidades Saudables, da que forman parte 54 entidades locais galegas, entre elas a propia Deputación. Do mesmo xeito, esta institución provincial forma parte de Vilas Termais, a rede da FEMP que agrupa 77 entidades locais que contan con augas minerais e termais, das que 26 son galegas e sete, da provincia de Pontevedra.