A Deputación mantén aberta ao público a próxima semana a exposición do fotógrafo Carlos Ocaña no Palacete das Mendoza
A mostra “Nocturnidade” do fotógrafo vilagarcián recolle lugares e estampas na escuridade, que se poderán visitar na sala de exposicións da sede de Turismo Rías Baixas ata o domingo 11 de maio
04/05/2025
A Deputación de Pontevedra mantén aberta ao público no Palacete das Mendoza a exposición “Nocturnidade”, do fotógrafo vilagarcián Carlos Ocaña, ata o próximo domingo 11 de maio. A sala de exposicións da sede de Turismo Rías Baixas seguirá acollendo durante estes días a mostra do fotógrafo vilagarcián, na que se recolle unha escolma de imaxes coa característica común de amosar a noite, recollendo lugares e estampas feitas na escuridade.
Ocaña, que foi mariñeiro de profesión, iniciouse no mundo da fotografía durante as súas estancias traballando nas costa de África entre 1979 e 1986. Posteriormente decidiu perfeccionar a súa afección e fixo diferentes cursos de fotografía, e nos últimos anos formou parte de exposicións en lugares como Vilagarcía de Arousa ou Rianxo, entre outros.
Os horarios de visita da exposición “Nocturnidade” do fotógrafo Carlos Ocaña no Palacete das Mendoza durante esta semana son os seguintes: de luns a venres de 8:00 a 20:00 horas, o sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas, e por último o domingo de 10:00 a 14:00 horas.