A Deputación organiza a próxima semana cinco novos obradoiros de capacitación tecnolóxica da Rede SmartPeme+

De luns ao venres realizaranse accións telemáticas arredor de temas como o plan de empresa, a fotografía de produto, a venta en liña, o email márketing ou a aplicación da intelixencia artificial na estratexia de contido

05/10/2025

A Deputación de Pontevedra organiza a próxima semana cinco novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, en formato telemático (todas elas requiren inscrición previa), celebraranse do luns 6 ao venres 10 de outubro e afondarán en cuestións de interese para o tecido empresarial da provincia como o plan de empresa, a fotografía de produto, a venta en liña, o email márketing ou a aplicación da intelixencia artificial na estratexia de contido , entre outros.

O luns 6 de outubro celebrarase o obradoiro “As túas fotografías para a campaña de Nadal”, a partir das 12:00 horas organizado pola oficina de Pontevedra. As persoas participantes aprenderán a compoñer e enfocar as fotografías de maneira que atopen un estilo propio para o seu produto, marca ou servizo, e conseguir destacar. A sesión será impartida por Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico con experiencia en fotografía de produto e composición fotográfica creativa, e as inscricións pódense realizar neste formulario.

O martes 7 de setembro ás 12:00 horas terá lugar o obradoiro “Crea unha campaña de email márketing con MailChimp” coordinado pola oficina de Lalín. Este obradoiro abordará como crear listas de bases de datos, deseñar formularios de subscrición e optimizar campañas con Mailchimp, unha das ferramentas máis coñecidas de email márketing. As persoas participantes crearán unha newsletter e  todos os pasos necesarios serán explicados por Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas con experiencia en comunicación corporativa. As inscricións pódense realizar neste formulario.

O mércores 8 ás 12:00 horas a oficina de Vigo organiza o obradoiro “Crea o teu plan de empresa. A folla de ruta para o éxito do teu negocio”. As persoas participantes aprenderán a estruturar a súa idea de negocio, analizar a súa viabilidade financeira e preparar a documentación necesaria para buscar financiamento. Sabela Álvarez, licenciada en Comunicación e formadora acreditada con máis de 10 anos de experiencia en emprego e emprendemento, será a encargada de impartir a sesión, e as inscricións pódense realizar neste formulario.

O xoves 9 de outubro ás 12:00 horas tamén a oficina do Vigo desenvolverá o obradoiro  “Woocommerce I. A solución que buscabas para vender por Internet”. María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas con máis de 5 anos de experiencia en márketing dixital e comercio electrónico, ensinará a crear tendas en liña con Woocommerce, o plugin de balde de WordPress. As persoas interesadas poden inscribirse neste formulario.

Por último, o venres 10 de outubro celebrarase o obradoiro “Crea unha estratexia de contido gañadora con ChatGPT (AI)”, a partir das 12:00 horas organizado pola oficina do Porriño. As persoas participantes descubrirán como utilizar a intelixencia artificial para crear unha estratexia de contido sólida e adaptada ao seu negocio. Aprenderán a identificar o seu cliente ideal, definir os seus piares de contido e xerar publicacións con ChatGPT que conecten coa súa audiencia. A sesión será impartida por Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresariais con máis de 8 anos de experiencia en desenvolvemento de proxectos web, e as inscricións pódense realizar neste formulario.

A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.