O programa SmartPeme da Deputación oferta esta semana seis accións formativas

Os obradoiros, que se desenvolven de xeito telemático, céntranse en ciberseguridade, posicionamento en buscadores ou a emisión de eventos en liña

17/04/2023

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPeme de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta ata o xoves 20 de abril seis novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As accións centraranse en ciberseguridade, posicionamento orgánico en buscadores, a emisión de eventos en liña de xeito profesional e a optimización do Cociente de Conversión entre outras cuestións.

Este luns ten lugar o obradoiro “Ciberseguridade, dispositivos móbiles” para coñecer a importancia de protexer os dispositivos móbiles, que están a desprazar aos PC na xestión cotiá dos negocios. Impartirao Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D.

Mañá martes 18 ás 12:00 horas, celebrarase o obradoiro “CRO: Como mellorar as ventas da túa web”. Nel, as persoas participantes aprenderán a identificar o concepto do CRO (Optimización do Cociente de Conversión) e técnicas básicas para transformar visitantes ao sitio web en clientes. O taller estará impartido por Esther Garcinuño, enxeñeira técnica en Informática con máis de 8 anos de experiencia en deseño, desenvolvemento e dirección de proxectos web.

O mércores 19, SmartPeme organiza dúas actividades. A primeira delas será ás 11:00 horas, “Copywriting para empresas turísticas” e nela as persoas participantes coñecerán as técnicas de escritura que se poden aplicar para crear textos de venda, empregando palabras que conecten coas persoas viaxeiras para convertelas en clientes do destino, aloxamento ou actividade turística. Patricia Cabaleiro, posgraduada en Turismo e con máis de dez anos de experiencia no sector turístico, impartirá este obradoiro.

Xa pola tarde, ás 18:00 horas, será a quenda do obradoiro “Iniciación ao SEO I: Conceptos, palabras clave e primeiros pasos”, que achegará ao alumnado os conceptos básicos do posicionamento orgánico en buscadores para aumentar o tráfico á web, con referencia ás palabras clave, os factores SEO na páxina web. Impartirao Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual cunha ampla experiencia e traxectoria profesional no asesoramento de empresas no ámbito da comunicación dixital e o márketing online.

Por último o xoves 20 tamén están previstos dous cursos. Ás 11:00 horas celebrarase a sexta sesión de “Como emitir o teu evento en liña de maneira profesional”, centrado en mellorar os eventos en liña que se realizan cos e coas clientes, a difusión do contido e, en xeral, calquera comunicación empresarial online. Abordarase o uso da cámara e o audio virtual  e a integración de Zoom en OBS. O obradoiro será impartido por Manuel Freire, Experto Universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D con máis de 4 anos de experiencia impartindo formación.

E ás 17:00 celebrarase o taller “Apps para axendar citas no teu negocio”, dirixido a axudar as persoas participantes a coñecer as ferramentas en liña para automatizar os procesos de calendarización de citas, os seus tipos e as súas vantaxes. Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas e con experiencia en comunicación corporativa, deseño gráfico e Imaxe corporativa, será a encargada de ofrecer este obradoiro.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 9 resultados.