Tapias reclama por enésima vez o proxecto da nova bancada de Gol e marca como condición necesaria a renovación da concesión ao Celta

“O que queremos os celtistas é que o club poida celebrar o seu vindeiro centenario en Balaídos e para iso precisamos dun estadio en condicións”, sinalou a vicepresidencia primeira da Deputación de Pontevedra

02/12/2023

Estadio de Balaidos en Vigo

A vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, emprazou hoxe o alcalde de Vigo, Abel Caballero, a demostrar a súa vontade de chegar a acordos con administracións de distinta cor políticad e envíe dunha vez por todas o proxecto da nova bancada de Gol que a institución provincial lle vén reclamando por activa e por pasiva. Na súa opinión, non hai razóns que xustifiquen máis retrasos na entrega desta documentación, necesaria para concretar a colaboración entre o Concello e a Deputación.

En todo caso, a representante provincial, ademais deputada con competencias en deporte e en Vigo e na súa área de influencia, marcou como condición sine qua non a renovación da concesión ao Celta de Vigo. “O que queremos os celtistas é que o club poida celebrar o seu vindeiro centenario en Balaídos e para iso precisamos dun estadio en condicións”, sinalou.

“Tendo en conta que a institución provincial será cofinanciadora ao 50 % da devandita instalación”, proseguiu, “é razoable que exixamos a posta a disposición do proxecto”. Neste sentido, indicou que a remisión da documentación non pode demorarse máis, co obxectivo de evitar máis retrasos e para que se poida cumprir o desexo común de materializala canto antes.