A Deputación alíase coa sete veces olímpica Teresa Portela e leva a súa experiencia vital e deportiva ao CPI de Rodeiro
A piragüista de Aldán é a primeira muller española en competir en sete edicións dos Xogos Olímpicos, nos que conseguiu unha medalla de prata e seis diplomas olímpicos
07/04/2026
A Deputación de Pontevedra alíase coa sete veces olímpica Teresa Portela e acaba de organizar no CPI de Rodeiro unha charla centrada na súa experiencia vital e deportiva protagonizada pola propia deportista. Portela, no marco dunha serie de faladoiros centrados en deporte, valores e territorio que está a organizar o organismo provincial en dez centros educativos da provincia, afondou na vila dezá sobre a súa traxectoria deportiva e vital, destacando a importancia do esforzo, da constancia ou da superación e o potencial que ten a provincia de Pontevedra para a práctica deportiva.
Teresa Portela “é unha das grandes embaixadoras da nosa provincia”, asegurou o presidente Luis López na presentación do ciclo de faladoiros. A palista de Aldán é a primeira muller española que participou en sete edicións dos Xogos Olímpicos, onde acadou unha medalla de prata e seis diplomas olímpicos, ademais de múltiples medallas internacionais, incluíndo dous ouros mundiais. Ademais, Portela é graduada en Fisioterapia e diplomada en Maxisterio.
O ciclo de faladoiros de Teresa Portela enmárcase na campaña turística deste ano da Deputación, “A túa meta, o teu destino”, coa que o organismo provincial quere seguir posicionando Pontevedra como a provincia do deporte, “porque aquí o deporte non é só competición: é territorio, é turismo, é estilo de vida”, remarcou Luis López.
