A Deputación recibe este domingo os últimos cativos que participarán este verán nos campamentos da Lanzada
Un total de 140 nenos de 22 concellos da provincia desfrutarán nas instalacións do Grove dun amplo programa con actividades educativas, culturais, deportivas e formativas
30/08/2025
Os campamentos da Lanzada da Deputación de Pontevedra chegan ao seu fin este verán cos últimos cativos que entrarán nas instalacións do Grove a partir deste domingo, 31 de agosto. Serán en total 140 nenas e nenos de 22 concellos da provincia que ao longo de seis días, ata o sábado 6 de setembro, poderán gozar do seu tempo de lecer a través de actividades de carácter educativo, cultural, deportivo e formativo. Con este grupo, xa terán pasado polo campamento da Lanzada un total de 1.540 menores empadroados na provincia de Pontevedra.
Os rapaces que chegarán esta semana ás instalacións que a Deputación ten no Grove (nados entre 2012 e 2017) proceden dos concellos de Baiona (4), Bueu (3), Catoira (2), Cerdedo–Cotobade (1), Covelo (1), Gondomar (2), O Grove (1), A Guarda (4), Lalín (1), Marín (1), Mos (1), Oia (1), Poio (3), Ponte Caldelas (1), Pontevedra (14), O Porriño (2), Redondela (5), O Rosal (2), Tui (1), Vigo (87), Vilagarcía de Arousa (1) e Vilanova de Arousa (2).
Durante esta semana, a última do campamento, terá lugar o habitual acto no que se dará a coñecer a próxima mascota dos Campamentos A Lanzada. A rapazada de cada quenda elabora unha proposta, que valorará un xurado, e a que resulte gañadora empregarase en todos os materiais dos campamentos do verán de 2026 como a súa imaxe oficial.
No Centro de Vacacións da Lanzada, emprazado en San Vicente do Mar (O Grove), a cativada desfrutará dun completo programa de actividades nas que salientan as deportivas, que terán lugar tanto no campamento (deportes alternativos, tiro con arco, orientación, carreira de obstáculos) como na praia (bodyboard, snorkel ou xogos de praia). Tamén desfrutarán de actividades artísticas, científicas, en lingua inglesa, nocturnas, de coñecemento do medio, teatro e contacontos, baile e actividades culturais e realizarán excursións a lugares como a illa de Ons.