A Deputación pecha os Campamentos A Lanzada tras once semanas de actividades socioeducativas e a participación de 1.540 rapaces da provincia

O deputado de Xuventude e Reto Demográfico, Jorge Cubela, asistiu este venres ao acto de elección da nova mascota do programa, no que tamén se repartiron exemplares do libro “Diario de viaxe de Mariña”

06/09/2025

Jorge Cubela nos campamentos da lanzada

O deputado de Xuventude e Reto Demográfico da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela, xunto coa directora de Turismo, Romina Fernández, asistiu este venres aos actos de clausura dos Campamentos A Lanzada onde tivo lugar a habitual elección da mascota oficial, “Crocodilo Dante”, que pasará a integrarse na imaxe corporativa da edición de 2026 do programa. Desde finais de xuño ata mañá (6 de setembro), cando finalice a estancia da undécima quenda, pasaron polo campamento un total de 1.540 rapaces e rapazas de 56 concellos da provincia, que asistiron a un completo programa de actividades de carácter educativo, cultural, deportivo e formativo co obxectivo de contribuír ao seu enriquecemento persoal.

Para a elección da nova mascota, a rapazada de cada quenda elaborou cadansúa proposta. A primeira quenda propuxo a “Liki the pet”, a segunda o “Raposo Juan”, a terceira a “Araña Piraña”, a cuarta o “Robot Meigueire”, a quinta a “Torterra”, a sexta a “Lúa Pingüín”, a sétima a “Ramona a xamona”, a oitava a “Tortuguini Chocolatini”, a novena o “Can Manolo”, a décima a “Barcalita” e a undécima o “Crocodilo Dante”. Entre todas elas o xurado decantouse pola mascota da derradeira quenda do Campamentos da Lanzada deste 2025, “Crocodilo Dante”.

Ao longo das once semanas de duración dos Campamentos A Lanzada, a Deputación acolleu a un rapaz de Agolada, 6 de Arbo, 21 de Baiona, 13 de Barro, 15 de Bueu, 20 de Caldas de Reis, 18 de Cambados, 6 de Campo Lameiro, 34 de Cangas do Morrazo, 4 da Cañiza, 14 de Catoira, 11 de Cerdedo-Cotobade, 2 de Covelo, 15 de Cuntis, 32 da Estrada, 9 de Forcarei, un de Fornelos de Montes, 28 de Gondomar, 14 do Grove, 17 da Guarda, 2 da Illa de Arousa, 36 de Lalín, un da Lama, 38 de Marín, 10 de Meaño, 10 de Meis, 18 de Moaña, 8 de Mondariz, 12 de Moraña, 18 de Mos, 14 das Neves, 32 de Nigrán, 5 de Oia, 9 de Pazos de Borbén, 27 de Poio, 17 de Ponte Caldelas, 41 de Ponteareas, 8 de Pontecesures, 174 de Pontevedra, 43 do Porriño, 6 de Portas, 44 de Redondela, 16 de Ribadumia, 16 do Rosal, 20 de Salceda de Caselas, 19 de Salvaterra de Miño, 18 de Sanxenxo, 16 de Silleda, 21 de Tomiño, 21 de Tui, 24 de Valga, 410 de Vigo, 13 de Vilaboa, 70 de Vilagarcía de Arousa e 18 de Vilanova de Arousa. Todos eles naceron entre os anos 2012 e 2017, con 210 prazas reservadas para menores en situación ou risco de exclusión social.

No Centro de Vacacións da Lanzada, emprazado en San Vicente do Mar (O Grove), a rapazada puido desfrutar dun completo programa de actividades nas que salientan as deportivas, que tiveron lugar tanto no campamento (deportes alternativos, tiro con arco, orientación, carreira de obstáculos) como na praia (bodyboard, snorkel ou xogos de praia). Tamén gozaron de actividades artísticas, científicas, en lingua inglesa, nocturnas, de coñecemento do medio, teatro e contacontos, baile e actividades culturais, así como excursións a lugares como a illa de Ons.

Reparto de exemplares do libro “Diario de viaxe de Mariña”

No acto de elección da mascota oficial dos Campamentos, os rapaces e rapazas levaron para a casa cadanseu exemplar do libro “Diario de viaxe de Mariña. Destino Rías Baixas, Pontevedra, un auténtico paraíso”. Trátase dunha publicación que busca formar a rapazada na sustentabilidade e a diversidade social e que forma parte do proxecto “Praias sen límites”, no que participa a Deputación xunto con outras institucións e destinos, co fin de aumentar e mellorar as experiencias turísticas no segmento de sol e praia, así como poñer en valor o patrimonio material e inmaterial relacionado coa autenticidade dos territorios e das súas poboacións.

“Diario de viaxe de Mariña” é un conto infantil que busca involucrar a rapazada nos proxectos turísticos e difundir os valores naturais da costa pontevedresa. O libro enlaza as praias da provincia coa contorna, as zonas protexidas, os espazos singulares, a beleza das paisaxes, as rutas litorais de sendeirismo, as vilas mariñeiras e a conservación da natureza e a fauna mariña, no marco da concienciación sobre a biodiversidade e os recursos naturais para actuar de xeito responsable e minimizar os impactos negativos da actividade humana na contorna.

Mariña viaxa ao longo do libro pola ría de Vigo, a ría de Aldán, a praia de Menduíña, o Parque Natural do Carreirón, a praia da Lanzada, a praia do Muíño, o paseo marítimo de Baiona e a fortaleza de Monterreal, as Pozas de Mougás, Cabo Home e as illas Cíes. O libro inclúe un decálogo de boas prácticas e un código QR que enlaza a actividades de comprensión lectora, coñecemento do medio, matemáticas e inglés.

Galerias de imagenes