A Deputación mantén aberto ata o próximo luns o prazo para que entidades da provincia soliciten as axudas para realizar actividades culturais, dotadas con 300.000 euros

As achegas, dun máximo de 2.500 euros por entidade sen fins de lucro, permitirán poñer en marcha actividades de posta en valor do patrimonio inmaterial da provincia tanto no territorio propio como no exterior

03/06/2025

A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata o próximo luns, 9 de xuño, o prazo para que entidades sen fins de lucro da provincia poidan realizar actividades culturais. As bases destas axudas, dotadas cun orzamento total de 300.000 euros, poden consultarse no Boletín Oficial das Provincia de Pontevedra.

Estas axudas divídense en dúas liñas, e as entidades poderán recibir achegas de ata 2.500 euros ou un máximo do 75% do orzamento das actividades. Así, actívase por unha banda unha liña dotada de 250.000 euros para a posta en valor do patrimonio inmaterial propio das vilas e comarcas da provincia, como costumes, tradicións, etnografía, crenzas e mitos; para certames e as actividades de posta en valor da pintura, da escultura, da arquitectura e da banda deseñada; para festivais, mostras, encontros e certames culturais, e para festivais ou actividades de relevancia para os intereses de promoción da cultura e as tradicións da provincia fóra da comunidade autónoma de Galicia.

E, pola outra, unha segunda liña, dotada con 50.000 euros, para a participación en festivais, certames ou concursos nacionais e internacionais, ou para intercambios culturais que potencien o patrimonio musical e cultural da provincia de Pontevedra, pero que teñan lugar fóra da comunidade autónoma de Galicia.