A Deputación ultima os días para solicitar axudas por valor de 700.000 € para confrarías de pescadores e cooperativas agrogandeiras da provincia

Ás confrarías de pescadores, federacións de confrarías e agrupacións de mariscadores dirixiranse 350.000 € e ás cooperativas agrogandeiras outros 350.000 €

26/04/2026

A Deputación de Pontevedra ultima os días para solicitar as dúas liñas de axudas por valor de 700.000 € para as confrarías de pescadores e cooperativas agrogandeiras da provincia. Segundo recollen as bases, que se poden consultar no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, en ambos casos o prazo manterase aberto ata o 4 de maio.

As confrarías de pescadores, federacións de confrarías e agrupacións de mariscadoras poderán solicitar 350.000 € para financiar investimentos e gasto corrente. Neste último caso trátase dunha novidade introducida polo goberno de Luis López en base á petición do propio sector, nun momento onde, ademais, está a sufrir un elevado índice de mortalidade de marisco. Deste xeito, 100.000 € desta liña de axudas servirán para financiar investimentos como material de vixilancia, equipos informáticos, mobiliario, construcións ou formación, e 250.000 € para gasto corrente, como combustible, electricidade, adquisición de semente, gastos de persoal ou roupa impermeable ou hidrotérmica. No caso desta liña de axudas, a Deputación destinará ata un máximo de 20.000 euros por entidade, sempre que non supere o 80% do orzamento da actuación.

Os outros 350.000 € van dirixidos ás cooperativas agrogandeiras para apoiar investimentos que permitan a mellora dos servizos, da comercialización, da transformación e valorización das producións, así como para completar a formación técnica e o asesoramento ou uso de novas tecnoloxías e enerxías renovables. A través desta liña de axudas, a Deputación destinará ata un máximo de 45.500 euros por entidade, sempre que non supere o 65% do orzamento da actuación.