A sede da Deputación en Vigo acolle este martes o espectáculo Ultraluz, coa poesía de Ledicia Costas e coa música de Amaro Ferreiro

Asistirá a esta experiencia artística única, con todas as prazas esgotadas, a vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Fernández-Tapias

18/12/2023

A sede da Deputación en Vigo acolle este martes o espectáculo Ultraluz, coa poesía de Ledicia Costas e a música de Amaro Ferreiro. Esta experiencia artística única, enmarcada na oferta cultural que a vicepresidenta primeira e delegada da área de Cultura da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, deseñou para a sede viguesa en colaboración con colectivos culturais da provincia para estes últimos meses do ano, terá lugar ás 20:00 horas con todas as prazas esgotadas.

“O noso obxectivo —asegurou a vicepresidenta, Marta Fernández-Tapias, na presentación das propostas culturais da Deputación na súa sede de Vigo— é recuperar o papel da cidade como referente cultural”. Neste eido, Fernández-Tapias amosou o compromiso do Goberno provincial de exercer de catalizador dunha cidade que, “sendo berce da Movida dos anos 80, ten pendente recuperar a súa posición de liderado á fronte da vangarda cultural de España e facer valer a súa calidade artística e de dominio cultural”.

O espectáculo parte do poemario Ultraluz, co que Ledicia Costas gañou en 2022 o XX Premio de Poesía Afundación. As verbas de Costas unidas á música de Amaro Ferreiro, compositor e creador de proxección global, constitúen unha viaxe sensorial máxica, un espectáculo delicado, sorprendente e memorable cunha atmosfera excepcional. Tal e como afirman os seus creadores, Ultraluz non se trata dun recital de poesía, nin dun concerto ou dunha performance, senón da adaptación do libro ao escenario nun xeito diferente de contar a historia, para converter a obra nunha nova expresión artística onde conviven a palabra, a música e a luz.