A vicepresidenta da Deputación Luisa Sánchez destaca o apoio da Deputación aos emprendedores no Vertical Work Café Santander

21/03/2024

Luisa Sánchez no Vertical Work Café Santander

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou hoxe no evento Vertical Work Café Santander, en Vigo, co que este espazo emprendedor celebrou o seu terceiro aniversario e que acolleu catro mesas redondas que xiraron arredor da Galicia emprendedora, o tecido empresarial, o liderado sostible na industria da moda e da gastronomía como referente. A vicepresidenta provincial remarcou a vontade da Deputación de “escoitar á sociedade”, pois “desde as administracións non se poden tomar decisións para fomentar o desenvolvemento do ámbito económico privado sen tender pontes e analizar todo o que nos podedes dicir desde el”, e aproveitou para lembrar e poñer en valor o programa “SmartPeme” da institución provincial, “que lles axuda a persoas emprendedoras e pemes a adaptarse ao escenario dixital con formación para a aplicación das novas tecnoloxías ao seu campo de traballo”.

No Vertical Work Café Santander, que reuniu a persoas emprendedoras e empresarias de diferentes sectores, David Suárez, CEO de Diessem, presentou The Hub, un novo espazo co que aglutinarán todos os seus proxectos emprendedores xuntos.