A Deputación supervisa a estrada provincial EP-0004 Marcón-Pintos –A Reigosa, onde vai investir preto de 275.000 euros para a mellora da seguridade viaria
A deputada de Infraestruturas Públicas e Mobilidade, Belén Cachafeiro, percorreu esta vía provincial que une os concellos de Pontevedra e Ponte Caldelas e que vai ser mellorada nun tramo de preto dun quilómetro
26/09/2025
A deputada de Infraestruturas Públicas e Mobilidade, Belén Cachafeiro, supervisou esta mañá a estrada provincial EP-0004 Marcón-Pintos-A Reigosa, onde a Deputación de Pontevedra vai investir preto de 275.000 euros na mellora da súa seguridade viaria. Cachafeiro percorreu xunto co alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, esta vía que une este municipio co de Pontevedra.
Tal e como explicou a deputada provincial, esta trátase dunha demanda que xa fora formulada polo alcalde ante o anterior goberno provincial e que agora o goberno de Luis López está a activar. Deste xeito, actuarase nun tramo de preto dun quilómetro entre os puntos quilométricos 3+300 e o 4+200 onde se van desenvolver diferentes traballos co obxectivo de mellorar a seguridade e salvagardar a debida prestación do servizo público viario. Así, as obras a executar contemplan o saneo e a mellora do firme existente co fresado da capa de rodaxe e a posterior reposición de firme e da sinalización horizontal e vertical.
Ademais, durante a visita a Ponte Caldelas, a deputada comprometeuse a estudar a transferencia da titularidade dun tramo da estrada provincial EP-0203 Caritel-Anceu, atendendo a solicitude formulada polo alcalde Andrés Díaz.
