Luis López presenta as Rías Baixas como un “plató magnífico” para a acollida de rodaxes que descentralizan a actividade cultural, turística e económica da provincia

O presidente provincial, acompañado polo deputado de Cultura, Jorge Cubela, visita a rodaxe da película “O Pesadelo das Vacas”, unha produción de Matriuska que se está a gravar de xeito íntegro na comarca do Deza, coa Finca Mouriscade como centro loxístico

14/10/2025

Luis López visita a rodaxe da película O Pesadelo das Vacas

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, visitou este martes en Lalín a rodaxe do filme "O pesadelo das Vacas", unha produción de Matriuska e dirixida por Rafa de los Arcos que se está a gravar integramente en distintas localizacións da comarca do Deza. Acompañado polo deputado de Cultura, Jorge Cubela, o dirixente provincial tivo a oportunidade de realizar un percorrido polos distintos escenarios de rodaxe do Lalín Arena e de coñecer aos membros do equipo técnico e creativo da obra, entre eles os actores Diego Anido e María Vázquez. "Acollemos unha nova rodaxe na provincia, o que demostra que somos un plató magnífico", afirmou o mandatario provincial durante o percorrido.

O filme "O pesadelo das Vacas", primeira longametraxe dirixida por Rafa de los Arcos e producida co selo de calidade de Matriuska, produtora de referencia no audiovisual galego con obras recoñecidas como "Matria", conta a historia dunha muller ferida por unha traxedia familiar que busca atopar o seu lugar nunha vila do interior de Galicia. Trátase dunha obra que dispón dun orzamento dun millón de euros. Así mesmo, teñen solicitada a colaboración da Deputación a través do programa Rías Baixas Acción, un apoio ao que se lle sumaría a cesión das instalacións da Finca Mouriscade, de titularidade da Deputación, para acoller ao equipo técnico e artístico da película mentres dure a rodaxe, que se realizará de xeito íntegro nos concellos de Lalín, Rodeiro e Silleda.

O mandatario provincial celebrou a acollida dunha nova rodaxe que servirá para dar a coñecer a provincia a través da gran pantalla e que se enmarca na estratexia de promoción da provincia a través do sector audiovisual, facilitando a rodaxe doutras obras de proxección internacional como "Punto Nemo", "El Jardinero" ou "Antes de Nós" . "Esta dáse nun lugar que é o interior da provincia, o que pon en valor a campaña de promoción do destino turístico Rías Baixas cunha campaña "Cando Volves?", na que por primeira vez non aparece un so metro de praia. Esa forza do interior é a que tamén, cando se estree a película imos poder desfrutar", remarcou o presidente Luis López.

A acollida deste tipo de producións contribúen a avanzar na estratexia de descentralización da cultura que está a promover a Deputación. "Queremos que actividades coma esta rodaxe non se dean só nos marcos máis urbanos, que vaian ao rural. Isto é un exemplo como foi no seu día a celebración dos Premios Mestre Mateo que se celebraron por primeira vez na historia nun lugar do rural, en Lalín", concluíu o dirixente.

Galerias de imaxes

audios