A Deputación destina 75.000 € a Cambados para a reforma do alumeado exterior da aldea de Tragove e do campo de Burgáns

O deputado Javier Tourís visitou o concello e anunciou que este venres se aprobará en Xunta de Goberno unha achega do Plan +Provincia para mellorar a visibilidade na zona do porto e das instalacións deportivas

24/09/2026

A Deputación destina 75.000 € a Cambados para a reforma do alumeado exterior da aldea de Tragove e do campo de Burgáns

O deputado provincial Javier Tourís visitou este xoves Cambados, onde anunciou que a Deputación de Pontevedra vai financiar ao 100% as obras de reforma do alumeado exterior da aldea de Tragove e do campo municipal de Burgáns. A Xunta de Goberno do organismo provincial aprobará este venres unha achega de 75.000 euros para sufragar esta actuación enmarcada no Plan +Provincia 2026-2027, que destinará a Cambados preto de 1,9 millóns de euros sumando as catro liñas de 2026 e a liña 1 de investimentos de 2027, á que este ano se pode acceder anticipadamente.

Por unha banda, procederase á renovación do alumeado público exterior na vía Tragove depuradora que comunica o Peirao de Pesca de Tragove co Porto de Tragove, co fin de dotar ao devandito percorrido dunhas condicións adecuadas de visibilidade, seguridade de utilización, uniformidade lumínica e eficiencia enerxética. De forma resumida, o alcance da actuación comprende: 24 luminarias viarias tipo LED de 65 W, 22 postes de formigón para soportar os novos puntos de luz proxectados, a utilización de 2 apoios existentes, a substitución da luminaria existente no punto de conexión do Peirao de Pesca de Tragove e a execución dos traballos de montaxe, conexionado, fixación, tensado, axuste, probas e remates necesarios para a completa terminación da instalación e a súa posta en servizo. Por outra parte, procederase á iluminación do Campo Municipal de Burgáns que contempla a instalación de 20 proxectores LED dunha potencia aproximada de 1.000 W e a implantación dun sistema de xestión da luz.

Javier Tourís puxo en valor que cos recursos provinciais “estamos dando resposta ás demandas dos concellos, que poden facer realidade proxectos que melloran a calidade de vida da súa veciñanza”. Neste sentido, o deputado sinalou que a través de plans como o +Provincia, a Deputación “está a impulsar actuacións tan relevantes como estas que hoxe anunciamos en Cambados, que melloran a vida da veciñanza”.

Galerias de imaxes