A Deputación supervisa o avance das obras de mellora da drenaxe na estrada provincial EP-5104 Maceira-Avión, en Covelo, na que está a investir 20.000 €

A deputada de Infraestruturas, Belén Cachafeiro, xunto co alcalde de Covelo, Pablo Castillo, supervisaron o treito obxecto da actuación enmarcada no acordo de cunetas na rede da Deputación, dotado con máis de 2 millóns de euros

16/03/2026

A Deputación supervisa o avance das obras de mellora da drenaxe na estrada provincial EP-5104 Maceira-Avión, en Covelo, na que está a investir 20.000 €

A Deputación de Pontevedra está a executar cunetas de seguridade e obras de mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-5104 Maceira-Avión, no Concello de Covelo. A deputada de Infraestruturas Públicas e Mobilidade, Belén Cachafeiro, xunto co alcalde de Covelo, Pablo Castillo, recorreu o tramo no que se están a desenvolver as actuacións ao abeiro do acordo marco de cunetas de seguridade na rede viaria da Deputación, que ascende a 2 millóns de euros.

Segundo destacou Cachafeiro, as obras que se están a realizar no Concello de Covelo trátanse de operacións de mellora da seguridade viaria mediante a execución de cunetas na marxe dereita desta estrada provincial, no punto quilométrico 2+350. “Mediante estas cunetas de formigón armado - tal e como recordou a deputada - non só melloramos a drenaxe da estrada mediante a evacuación das augas pluviais, senón que se vai xerar un espazo transitable máis seguro para os peóns”. Ademais da execución de cunetas de seguridade, a actuación en Covelo contempla a colocación de tubaxes, a execución de arquetas e o recrecido de pozos.

Belén Cachafeiro lembrou que esta é só unha das actuacións incluídas no acordo marco de obras de cunetas de seguridade na rede viaria da Deputación de Pontevedra, que ascende a 2 millóns de euros. Ao abeiro deste acordo marco, en Covelo ademais das obras que se están a acometer na EP-5104 Maceira-Avión, nos dous anos e medio de goberno de Luis López na institución provincial tamén se actuou noutro tramo desta mesma estrada e na EP-5102 A Lamosa-A Franqueira-As Achas. Por outra banda, e a través do acordo marco de conservación de firmes, en Covelo o pasado ano executáranse melloras nas estradas provinciais EP-5101 Covelo-A Lamosa, EP-5102 A Lamosa-A Franqueira-Achas, EP-5103 Prado-Moncelos e na EP-5105 Maceira-A Graña.