A Deputación percorre o tramo da estrada provincial EP-6503 Silleda-Siador-Refoxos, onde vai investir preto de 780.000 euros para os traballos de reposición do firme
A deputada de Infraestruturas Públicas e Mobilidade, Belén Cachafeiro, supervisou o estado desta vía provincial na que se actuará na súa totalidade, nos 7,6 quilómetros, co fin de salvagardar a seguridade viaria e a debida prestación do servizo público
25/02/2026
. A deputada de Infraestruturas Públicas e Mobilidade, Belén Cachafeiro, supervisou esta mañá o estado da estrada provincial EP-6503 Silleda-Siador-Refoxos, no Concello de Silleda, onde a Deputación de Pontevedra vai investir preto de 780.000 euros para mellorar a seguridade viaria e garantir a debida prestación do servizo público.
Tal e como explicou a deputada, as obras que se van desenvolver abranguen a totalidade da estrada, é dicir, os 7,6 quilómetros que unen Silleda e Refoxos e que discorren de maneira íntegra polo Concello de Silleda. En liñas xerais, a actuación consiste na reposición do firme co obxectivo de garantir a mellora da seguridade viaria.
Con esta actuación, ao detalle, vanse executar saneos e realizar o fresado da capa de rodaxe en mal estado. Tamén se instalarán redutores de velocidade en Corrospedriños, atendendo a solicitude da veciñanza, levarase a cabo o recrecido do firme mediante a extensión dunha capa de formigón botuminoso en quente e reporase a sinalización horizontal. Belén Cachafeiro explicou que unha vez que estea licitada e adxudicada a obra, está previsto que a actuación se desenvolva nun prazo de execución de catro meses.
