Poio avanza na”transformación total” da contorna das rúas Saíñas e Puntada ao abeiro do Plan ReacPon

Carmela Silva: ”Este é un exemplo de obra. Non hai cor entre o antes e o despois e a actuación vai dotar dunha enorme calidade urbana á contorna. Concello e Deputación traballamos moi ben xuntos e xuntas e iso fai crecer a este municipio”

02/03/2023

Rúas Saíñas e Puntada ao abeiro do Plan ReacPon en Poio

A recuperación do ámbito das rúas Saíñas e Puntada como unha contorna urbana renovada, segura, accesible e centrada nas persoas xa é visible grazas ás obras que se están a desenvolver nesta zona e que, como subliñaron hoxe a presidenta provincial, Carmela Silva, e o alcalde Luciano Sobral, “están a supoñer unha transformación total” na parroquia de San Salvador. Ambos visitaron hoxe, xunto ao deputado de Infraestruturas Gregorio Agís e outros representantes da corporación municipal, esta actuación de mobilidade sostible e amable, cun investimento de preto dun millón de euros, financiada ao abeiro do Plan ReacPon e que se espera que estea rematada nun prazo de dous meses.

“Creo que este é un exemplo de obra”. Carmela Silva subliñou a calidade da intervención realizada en Poio con fondos provinciais, incidindo en que “non hai cor entre o antes e o despois” da actuación. “Esta é agora outra vía totalmente diferente á que existía –destacou- e non só vai dotar dunha enorme calidade urbana á contorna, senón que cumpre coa aposta da Deputación e o Concello pola mobilidade amable, que permite que a xente sexa a dona do espazo público e que poida usalo dunha forma prioritaria”. Puxo en valor que os traballos abranguen un espazo de 1,5 quilómetros, están executados nun 80% e coidan tanto “o salientable aspecto estético” como as cuestións que teñen que ver co respecto ao medio ambiente, como son a instalación de luminarias led ou a mellora da recollida das augas pluviais.

A presidenta destacou a aposta do Concello de Poio “para transformar o municipio para que a veciñanza, viva onde viva, poida desfrutar desta calidade urbana” a través de proxectos presentados aos plans provinciais, como foi o caso do ReacPon. “Estou segura que Poio tamén presentará un gran proxecto ao novo plan da Deputación, o Pon2030”, engadiu, tras enxalzar “a boísima relación a través do diálogo e o compromiso compartido” que manteñen ambas entidades: “Traballamos moi ben xuntos e xuntas e iso fai crecer a este concello. Esta Administración provincial cumpre coa súa obriga de favorecer que os concellos de menos 20.000 habitantes poidan ter os recursos precisos para conseguir todo aquelo que demandaban historicamente e para o que antes non tiñan resposta por parte da Deputación”.

Pola súa banda, o alcalde de Poio Luciano Sobral destacou a relevancia desta obra, realizada nun lugar “moi importante para o municipio e concretamente para a parroquia de San Salvador, que é a máis poboada e que amais ten un valor histórico desde o que significa a figura do Colón e a teoría do Colón galego”. Neste senso, subliñou que a contorna “merecía este tipo de actuación” que, segundo indicou, amais de mellorar a súa estética  “pódese entender como unha obra practicamente urbana” tendo en conta a súa proximidade con Pontevedra. O rexedor tamén louvou a colaboración coa Deputación e volveu destacar o exemplo que supón o reparto equitativo dos fondos provinciais a través dos distintos plans. “Quero volver a felicitar á Deputación –dixo Sobral- polo sistema de financiación dos concellos e os plans que aprobou para que os municipios teñamos claro o que nos corresponde e as actuacións que podemos levar a cabo, e non ter que andar chorando, pedindo ou tocando nas portas. Desde o principio, esta Deputación tivo claro que o importante é que os concellos, en función da súa entidade e  poboación, poidan acceder a eses recursos”. O alcalde anunciou que o Concello seguirá optando aos plans que se aproben e amosou a disposición “para seguir da man construíndo unha provincia, neste caso un concello, do que a xente poida sentirse orgullosa”.

O proxecto

A actuación lévase a cabo nas rúas Saíñas e Puntada, partindo da praza Cristóbal Colón e rematando na Escola Infantil Saíñas e no grupo de casas da travesía Segunda Puntada, cunha superficie total de 5.639 metros cadrados. O proxecto inclúe a execución dunha plataforma única e zonas de convivencia persoas-vehículos, así como a reorganización do tráfico rodado e a introdución de elementos de calmado de tráfico. En liñas xerais, busca xerar espazos públicos e calidade, accesibles, seguros, saudables, sostibles, amables, inclusivos para promover a autonomía infantil e a actividade económica de proximidade. A obra tamén contempla a renovación das redes de saneamento, recollida de pluviais, abastecemento e alumeado público, apostando pola eficiencia e sostibilidade.

Galerias de imaxes