A Deputación destina 240.000 € a financiar a mellora das vías de acceso e dos núcleos de Mourelos e de Meixomence, en Silleda

A deputada Belén Cachafeiro visitou a zona e anunciou que este venres se aprobará en Xunta de Goberno unha achega do Plan +Provincia para esta actuación

09/06/2026

A Deputación destina 240.000 € a financiar a mellora das vías de acceso e dos núcleos de Mourelos e de Meixomence, en Silleda

A deputada provincial Belén Cachafeiro visitou este martes Silleda, onde anunciou que a Deputación de Pontevedra se encargará de financiar con 240.000 euros as obras de mellora de acceso e dos núcleos de Mourelos e de Meixomence. A Xunta de Goberno do organismo provincial aprobará este venres os recursos para esta actuación, enmarcados no Plan +Provincia 2026-2027 que destinará a Silleda preto de 1,57 millóns de euros sumando as catro liñas de 2026 e a liña 1 de 2027, á que este ano se pode acceder anticipadamente.

Cos recursos provinciais o Concello de Silleda vai facer diferentes melloras nestes dous núcleos, os de Mourelos e Meixomence. Por unha banda, en Mourelos, mellorarase a capa de rodaxe dos viarios de acceso e do propio núcleo; canalizaranse as pluviais mediante tubaxe de polipropileno, arquetas sumidoiro e canle de fundición dúctil no núcleo e nos viarios de acceso realizarase un total de 340 m de cuneta de seguridade e substituirase unha obra de drenaxe por un caño de formigón, para o que será preciso a construción de dous muros de pedra granítica. Ademais procederase á limpeza de gabias e salvagabias e á sinalización horizontal.

Pola súa banda, en Meixomence, as obras que se van realizar cos recursos da Deputación de Pontevedra consistirán na mellora da capa de rodaxe dun viario, así como na execución de 100 m de cuneta de seguridade e de 25 m de cuneta trapezoidal. Completarase a actuación coa limpeza de gabias e salvagabias e a sinalización horizontal.

Belén Cachafeiro puxo en valor que cos recursos provinciais “estamos dando resposta ás demandas dos concellos, que poden facer realidade proxectos que melloran a calidade de vida da súa veciñanza”. Neste sentido, a deputada sinalou que a través de plans como o +Provincia, a Deputación “está a impulsar actuacións tan relevantes como esta que hoxe anunciamos en Silleda, que non só melloran a seguridade viaria da vila, senón que recuperan os espazos públicos para as persoas”.