A Deputación continúa esta fin de semana en Valga e en Poio os percorridos do programa provincial +Bosques

A contorna das fervenzas de Parafita e Raxoi e a illa de Tambo acollen as dúas últimas actividades de xuño de contacto directo coa natureza a través da modalidade de baños de bosque

23/06/2026

A Deputación de Pontevedra continúa esta fin de semana con todas as prazas esgotadas os percorridos da nova edición do programa +Bosques, unha iniciativa que promove o contacto directo coa natureza e permitirá ás persoas participantes gozar das vantaxes dos baños de bosques. As últimas actividades do mes de xuño celebraranse este sábado 27 de xuño na contorna das fervenzas de Parafita e Raxoi (Valga) e o domingo 28 na illa de Tambo (Poio), e nelas participarán un total de 60 persoas.

As fervenzas de Parafita e Raxoi, en Valga, configuran unha ruta a través de densos bosques de ribeira e pasarelas de madeira, con fervenzas, antigos muíños restaurados e un tapiz de vexetación exuberante. Pola súa banda, a illa de Tambo é un lugar especialmente idóneo para atopar elementos naturais de gran beleza coma os taffonis, as dunas ou a Praia Area Grande. Ademais, os asistentes descubrirán o seu abundante patrimonio histórico, con elementos como o peirao, o faro, o lazareto ou o antigo albergue.

Nesta edición de +Bosques, o programa chegará a un total de sete espazos da costa e o interior da provincia que permitirán dar a coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. Todas as rutas proporcionarán ás persoas participantes unha experiencia de conexión directa en e coa natureza. Promoverase a estimulación sensorial con exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia.

Os percorridos continuarán no mes de xullo o 4 e o 26 no Pazo de Lourizán (Pontevedra), o día 5 no río Lérez (Pontevedra), o 11 en Barosa (Barro), o 12 na illa de Tambo (Poio), o 18 no río Maneses (O Campo Lameiro), o 19 nas fervenzas de Parafita e Raxoi (Valga) e o 25 en Carboeiro (Silleda). O resto de datas (agosto a setembro) poden consultarse no sitio web institucional.