As visitas teatralizadas de Samaín volven no mes de outubro ao castelo de Soutomaior

A Deputación acaba de poñer á venda as entradas para as dúas modalidades para público adulto e infantil, a un prezo de 8 € e cun máximo de 720 participantes

25/09/2023

A Deputación de Pontevedra acaba de poñer este luns á venda as entradas para asistir ás visitas teatralizadas de Samaín que organiza o castelo de Soutomaior durante o próximo mes de outubro. A institución provincial establece dúas modalidades distintas, unha delas nocturna e destinada ao público adulto e outra para público infantil e familiar. Ambas as dúas actividades están a cargo da compañía Troula Animación e baséanse na idea de que os asistentes “o pasen ben pasándoo mal”.

As visitas para público infantil terán lugar todos os sábados e domingos do mes a partir do 7 de outubro) en dobre sesión, ás 11:30 e ás 16:30 horas, e nelas o público gozará dunha historia terrorificamente divertida. As visitas destinadas ao público adulto terán lugar os venres e os sábados (os días 6, 7, 13, 14, 20, 21, 27 e 28 de outubro) ás 20 horas, e nelas as e os participantes (cunha idade recomendada a partir dos 16 anos) porán a proba a súa valentía nunha visita guiada onde nada é o que parece.

As entradas están dispoñibles na plataforma de venda en liña (entradas.castelodesoutomaior.com), a un prezo único de 8 €, e inclúen os 5 € da entrada ao castelo. As quendas organízanse para grupos de 30 persoas, polo que a razón de 30 pases (16 das visitas familiares e 8 das de público adulto) a Deputación de Pontevedra pon á disposición do público un total de 720 entradas para esta actividade.

 

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.