Luis López anuncia un novo investimento de 2,3 millóns para Pontevedra que permitirá aforrar un 78% na factura da electricidade e 650 toneladas de emisións ao ano

A Deputación aproba a adenda do convenio coa que pasará a financiar integramente o proxecto de renovación da iluminación da zona norte do centro urbano

27/02/2026

Luis López anuncia un novo investimento de 2,3 millóns para Pontevedra que permitirá aforrar un 78% na factura da electricidade e 650 toneladas de emisións ao ano

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou este venres da aprobación da adenda ao convenio co Concello de Pontevedra pola que a Deputación pasará a financiar integramente a mellora da iluminación pública da zona norte do centro urbano da cidade, cunha achega de 2,3 millóns de euros. O presidente lembrou que “inicialmente estaba previsto que a Deputación achegase 1,6 millóns de euros e o Concello os 700.000 euros restantes, e hoxe aprobamos a adenda ao convenio na que figura o axuste”.

A institución tomou esta decisión na constitución da comisión de seguimento do convenio entre o organismo provincial e o Concello de Pontevedra, celebrada a comezos de febreiro. O goberno da Deputación reafirma con este aumento de crédito “o seu compromiso co avance e a modernización da cidade de Pontevedra”, sinalou Luis López sobre un proxecto que renovará as actuais luminarias por outras con tecnoloxía LED, e co que tamén se mellorará o control do sistema coa renovación de 39 cadros de mando e se substituirá parte dos cables, executando tomas de terra e mellorando as columnas. A actuación conseguirá un aforro do 78% no consumo respecto ao actual, ademais de reducir as emisións de CO2 en máis de 650 toneladas ao ano. Afectará o ámbito do Pino, A Parda, O Castañal, Valdecorvos ou San Amaro, entre outras zonas.

O presidente provincial lembrou que “a cidade de Pontevedra recibe no orzamento deste ano 2,5 millóns de euros para os convenios co Concello”, aos que se suman os 210.000 € para preparar a Bienal de 2027, 8 millóns para o Museo, 7 millóns para o proxecto de Santa Clara, 35.000 € para a redacción do proxecto do novo centro loxístico do Museo, 100.000 € para a final das series mundiais de tríatlon ou 300.000 € para a organización dos Premios Feroz, así como novos investimentos en Príncipe Felipe e novidades en materia deportiva. “Ninguén pode poñer en dúbida que esta é a Deputación do municipalismo, que atende desde o concello máis pequeno ata a capital da provincia por igual”, sinalou Luis López.

audios