A Deputación adxudica as obras de humanización da rúa Campo da Feira, en Meaño, por preto de 420.000 euros

Os traballos desenvolveranse na contorna da Casa Consistorial e inclúen tamén a mellora da seguridade viaria, creando una zona de convivencia e recuperando a súa funcionalidade como extensión da Campo da Feira

21/08/2026

A Deputación adxudica as obras de humanización da rúa Campo da Feira, en Meaño, por preto de 420.000 euros

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a adxudicación das obras de humanización e mellora da seguridade viaria na rúa Campo da Feira, na contorna da Casa Consistorial de Meaño, por valor de preto de 420.000 euros. O vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, informou da luz verde á adxudicación na Xunta de Goberno da institución provincial, e lembrou que o obxectivo principal das obras é levar a cabo unha reorganización desta zona para que recupere a súa funcionalidade como extensión do Campo da Feira, buscando fomentar a convivencia de todos os sistemas de desprazamento e repartindo de maneira equitativa o espazo público.

O proxecto céntrase nun treito de cen metros de lonxitude na EP-9303, que une as localidades de Meaño e Dena. Na actualidade, a vía presenta un carril de circulación por sentido, con bandas de aparcamento en liña e beirarrúas en ambas marxes cuns anchos insuficientes. A intervención buscará construír unha zona de convivencia en plataforma única de prioridade peonil, cunha estética coidada, mobiliario urbano e vexetación. Así mesmo, inclúese no proxecto unha renovación da rede de pluviais, ademais das instalacións de saneamento, rego e a reposición da iluminación.

As obras de humanización da rúa Campo da Feira están financiadas conxuntamente pola Deputación, que achega o 70% do orzamento, e o Concello de Meaño, que aporta o 30% restante. Os traballos teñen un prazo de execución de cinco meses.