A Deputación adxudica as obras na estrada que vai a Matalobos, na Estrada, por preto de 430.000 euros

As obras na EP-7004 Alto da Cruz-Santeles levaranse a cabo en treitos de 4,1 quilómetros para incrementar a seguridade para os usuarios desta vía

16/10/2026

A Deputación adxudica as obras na estrada que vai a Matalobos, na Estrada, por preto de 430.000 euros

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres que a institución provincial acaba de dar luz verde á adxudicación das obras de mellora da drenaxe e a seguridade viaria na EP-7004 Alto da Cruz-Santeles (coñecida como a estrada que vai a Matalobos), no Concello da Estrada, por un importe próximo aos 430.000 euros.

As actuacións centraranse en dous treitos da vía, sumando máis de 4,1 quilómetros de lonxitude, cos obxectivos de garantir unha mellor prestación do servizo público viario e incrementar a seguridade para os seus usuarios. As obras inclúen a renovación completa do firme, a execución dun novo sistema de drenaxe, a retirada dos elementos deteriorados e a implantación dunha nova sinalización horizontal actualizada. Tamén se levarán a cabo actuacións de demolición e adaptación dos accesos, así como a xestión de residuos derivados dos traballos. O prazo de execución para as obras é de seis meses.

“A mellora das estradas provinciais segue a ser unha das áreas prioritarias para o noso goberno”, asegurou o presidente provincial, que tamén deu conta de novidades relativas á EP-2405, no Porriño. Entre as dúas actuacións, o importe aprobado esta semana na Xunta de Goberno para as infraestruturas provinciais ascende a preto de 1,5 millóns de euros.