A Deputación adxudica as máis de 3.400 prazas para participar no programa de benestar Lecer en Familia
A institución provincial acaba de publicar a relación das 3.408 persoas de 51 concellos que participarán na segunda edición deste programa provincial, dotado con máis de 310.000 € para que os fogares con menores da provincia gocen de estancias e actividades socioculturais
25/09/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de adxudicar as 3.408 prazas para participar no programa provincial Lecer en Familia. No marco desta iniciativa da área de Benestar Social da institución provincial, tal e como recordou o presidente provincial Luis López, a Deputación financia estancias de fin de semana en establecementos hoteleiros da provincia das que poden gozar familias con menores ao seu cargo e que residan na provincia de Pontevedra. As saídas realizaranse no último trimestre do ano e no primeiro trimestre de 2027.
“Este programa tivo unha elevadísima demanda”, asegurou o presidente, ao tempo que lembrou que “ante a avalancha de solicitudes, unhas 10.000” se tomou a decisión de aumentar as prazas iniciais para dar cabida a 500 persoas máis. Desta maneira, os participantes que se beneficiarán deste programa provincial son veciños de 51 concellos da provincia: Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas de Morrazo, Catoira, Cerdedo Cotobade, O Covelo, Cuntis, A Estrada, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Mondariz Balneario, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontecesures, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vigo, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.
Lecer en Familia busca reforzar os lazos familiares nun ambiente de convivencia en 11 establecementos de 7 concellos da provincia (Sanxenxo, Pontevedra, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Lalín, Baiona e Moaña) entre os que se inclúen spas, balneario, talasos e hoteis tanto de zonas rurais como urbanas. A estadía complétase coa oferta de actividades socioculturais (cunha ampla variedade a escoller asociada a cada establecemento) ou o acceso aos seus circuítos termais.
