A Deputación reedita as axudas para a recuperación e posta en valor do patrimonio marítimo-fluvial da provincia dotadas de 90.000 €

Luis López: “Temos un patrimonio único no mundo e contribuímos a conservar algo que fala de nós como un territorio que mira ao mar e tamén lle dá o seu valor”

27/02/2026

A Deputación reedita as axudas para a recuperación e posta en valor do patrimonio marítimo-fluvial da provincia dotadas de 90.000 €

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno as bases dunha nova anualidade das axudas dirixidas a entidades sen ánimo de lucro para a recuperación e a posta en valor do patrimonio marítimo-fluvial da provincia. A institución provincial mobilizará 90.000 € para que colectivos sen fins de lucro emprendan actuacións de restauración, rehabilitación e mantemento de embarcacións, ademais da compra de equipamento.

O presidente Luis López lembrou que as axudas contan con tres liñas de actuación: unha primeira para traballos de rehabilitación de embarcacións tradicionais, unha segunda para aparellos de pesca e elementos vinculados coa cultura marítimo-fluvial, e unha terceira para construcións e instalacións en terra. Concederanse como máximo 10.000 € para cada actuación, e como máximo o 80% do orzamento. Desde a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, abrirase un prazo de presentación de solicitudes dun mes.

“Ademais de recuperar e poñer en valor os bens que integran o patrimonio marítimo-fluvial, as axudas permitirán que estes bens patrimoniais se poidan usar en actividades socioculturais”, sinalou o presidente da Deputación. Luis López asegurou que “temos un patrimonio único no mundo, e estas axudas contribúen a conservar algo que nos identifica e fala de nós como un territorio que non só mira ao mar, senón que tamén lle dá o seu valor”.

audios