A Deputación aproba a adquisición da colección de Valle-Inclán para converter o Museo de Pontevedra nun referente en España sobre o escritor

Luis López anunciou que a Xunta de Goberno dá luz verde a unha operación de preto de 290.000 euros para incorporar ao Museo máis dun cento de pezas procedentes do arquivo e da colección persoal dos netos do autor

05/06/2026

A Deputación aproba a adquisición da colección de Valle-Inclán para converter o Museo de Pontevedra nun referente en España sobre o escritor

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra deu luz verde este venres á adquisición da colección de Ramón María del Valle-Inclán para o Museo de Pontevedra, unha operación á que a institución provincial destina preto de 290.000 euros e que permitirá seguir reforzando os fondos dun dos principais espazos expositivos de Galicia.

O presidente provincial, Luis López, destacou que esta incorporación supón un novo paso no obxectivo de ampliar e enriquecer a colección do Museo de Pontevedra. Neste sentido, lembrou que se trata do arquivo e da colección persoal dos netos do escritor, integrada por máis dun cento de pezas de diferente natureza, entre as que se atopan fotografías, retratos, esculturas, gravados, documentos, mobiliario e obxectos de uso cotián vinculados á figura do autor.

López subliñou que esta adquisición reforza o papel do Museo de Pontevedra como institución de referencia para a conservación e difusión do patrimonio cultural galego. “A partir de agora, falar do Museo de Pontevedra será tamén falar do museo máis importante de España arredor da figura de Valle-Inclán”, asegurou o presidente. A incorporación destes fondos permitirá aumentar de maneira significativa a presenza de Valle-Inclán nas coleccións do Museo e consolidar a súa posición como centro de referencia para o estudo, coñecemento e divulgación da obra e do legado dunha das figuras máis destacadas da literatura española.

audios