Luis López anuncia a concesión de preto de 125.000 euros na segunda edición das axudas da Deputación a agrupacións de voluntarios Protección Civil

28 agrupacións de 27 concellos de menos de 50.000 habitantes recibirán achegas que oscilan entre os máis de 1.700 euros e os 5.000 euros

13/11/2026

Luis López anuncia a concesión de preto de 125.000 euros na segunda edición das axudas da Deputación a agrupacións de voluntarios Protección Civil

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a concesión de recursos por valor de preto de 125.000 € para 28 agrupacións de protección civil de 28 concellos de menos de 50.000 habitantes e entidades locais da provincia. O presidente provincial, Luis López, subliñou que o obxectivo destas axudas é “recoñecer e apoiar o excelente servizo e a vontade altruísta dos que, moitas veces, son os primeiros en chegar a unha incidencia”.

Benefícianse desta liña de axudas agrupacións de Protección Civil dos concellos de Agolada, Arbo, Caldas de Reis, Cambados, Cangas de Morrazo, Catoira, Cerdedo Cotobade, Cuntis, Dozón, Lalín, O Val Miñor, Meis, Moaña, Mondariz, Moraña, Poio, O Porriño, Portas, Redondela, O Rosal, Salceda de Caselas, Tomiño, Tui, Valga, Vila de Cruces, Vilaboa, Vilagarcía e Vilanova de Arousa, con recursos que oscilan entre os máis de 1.700 e os 5.000 € por entidade.

“Unha liña de axudas para modernizar a Protección Civil da provincia e para que continúen sendo agrupacións punteiras e de referencia no noso territorio”, subliñou Luis López quen detallou que cos recursos provinciais estas entidades poderán adquirir equipamentos de telecomunicacións e equipos de rescate e nocturnidade, equipos de protección ou vestiario; comprar elementos como xeradores eléctricos, mangueiras, maquinaria agroforestal ou ferramentas varias, ou, adquirir EPIS e material sanitario, entre outros.

audios