A Deputación destina 200.000 euros a que 17 entidades de 12 concellos da provincia poidan organizar festivais musicais e de artes escénicas

Recibirán achegas de entre preto de 4.000 e case 25.0000 euros para a realización de festivais de teatro, música de diferentes estilos, monicreques, artes vivas ou poesía, entre outros

19/06/2026

A Deputación destina 200.000 euros a que 17 entidades de 12 concellos da provincia poidan organizar festivais musicais e de artes escénicas

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o reparto de 200.000 € entre 17 entidades sen ánimo de lucro da provincia para que poidan desenvolver festivais musicais e de artes escénicas neste 2026. En concreto, as asociacións da Estrada, Cambados, Cangas de Morrazo, Lalín, Mos, Ponteareas, Redondela, Salvaterra de Miño, Silleda, Vigo, Vila de Cruces e Vilagarcía de Arousa recibirán axudas de entre preto de 4.000 e case 25.0000 euros para realizar festivais de teatro, artes vivas, monicreques, poesía ou música de diferentes estilos (cámara, rock, tradicional, emerxente, etc.), entre outros.

"Continuamos achegando a cultura a todos os recunchos da provincia, porque queremos que sexa un dereito para os veciños dos 61 concellos da provincia”, explicou o presidente provincial, Luis López. Desta maneira, os 200.000 euros repártense entre 150.000 euros para 14 festivais de música organizados por entidades sen ánimo de lucro de 10 concellos e outros 50.000 euros para tres asociacións que organizan festivais de artes escénicas en Cambados, Cangas de Morrazo e Redondela.

En concreto, reciben as axudas o Festival As Nosas Músicas 2026, na Estrada, o Festival Desfoga, en Cambados, a 43ª Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, o Festival de Música Nocedarock X Edición, en Lalín, O Son do Pazo, en Mos, o Rock in Río Tea 2026, en Ponteareas, o Festival Alternativo Millo Verde, en Redondela, o XXVII Festival Internacional de Títeres de Redondela Memorial Juanjo Amoedo, tamén en Redondela, o Sementeira e Música, en Salvaterra de Miño, o 38º Festival da Poesía no Condado tamén en Salvaterra de Miño, o Murallón de Son, en Silleda, o Festival Vertixe 14, en Vigo, o XXXIII Revoltallo de Música e Cultura Emerxente, en Vigo, o VI Encordass Fiddle Fest Especial Escocia, en Vigo, o FIP Merzapercusión 2026 XXI Edición, en Vila de Cruces, o Galaico Bass Festival 2026, tamén en Vila de Cruces, e o Ameixa Rock, en Vilagarcía de Arousa.