A Deputación adxudica os 102 obradoiros de Xuventude a Máis a 46 concellos da provincia, que ofertarán propostas de benestar, creatividade e conexión coa contorna

“Síntome orgulloso deste programa, porque foi un auténtico éxito e superou as nosas expectativas nesta primeira edición”, asegurou o presidente provincial Luis López

13/03/2026

A Deputación adxudica os 102 obradoiros de Xuventude a Máis a 46 concellos da provincia, que ofertarán propostas de benestar, creatividade e conexión coa contorna

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra deu hoxe luz verde á concesión dos 102 obradoiros do novo programa provincial Xuventude a Máis, que conta cun orzamento de preto de 120.000 €, que se repartirán entre 46 concellos da provincia, que ofertarán á mocidade estas propostas de benestar, creatividade e conexión coa contorna. “Síntome orgulloso deste programa, porque foi un auténtico éxito e superou as nosas expectativas nesta primeira edición”, asegurou o presidente provincial Luis López, que lembrou ademais que “unha vez máis, avanzamos para dotar á xuventude da nosa provincia de propostas adaptadas ás súas necesidades”.

Cada un dos concellos beneficiarios organizará entre dous e tres obradoiros dirixidos a mozas e mozos de entre 16 e 35 anos, que terán lugar entre setembro de 2026 e marzo de 2027. Serán de 20 horas de duración, para grupos de entre 7 e 15 mozos/as e, tal e como informou o presidente, distribuiranse en tres grandes temáticas. No marco da área de habilidades para o benestar e o coidado persoal ofertaranse obradoiros de economía de fogar; seguridade básica para a mocidade: primeiros auxilios e defensa persoal; cociña, nutrición e mitos alimentarios; e saúde mental. No que respecta a expresión artística e cultura, a Deputación deseñou obradoiros de DJ, de iniciación á música tradicional galega, de edición de vídeo e fotografía, de creación de produtos gráficos ou de merchandising. Finalmente, no que respecta ao bloque de conexión e coidado da contorna, proponse actividades relacionadas co sendeirismo, a orientación e interpretación do patrimonio natural; coa horta urbana e xestión biolóxica do solo; coa reciclaxe de mobles e obxectos e co adestramento canino.

En concreto, os concellos de Arbo, Covelo, Gondomar, O Grove, A Guarda, Poio, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Tui e Valga organizarán un total de tres obradoiros diferentes, mentres que Agolada, Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Forcarei, Fornelos de Montes, A Illa de Arousa, A Lama, Meis, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moraña, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Pontecesures, Portas, Ribadumia, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Silleda, Tomiño, Vila de Cruces, Vilaboa e Vilanova de Arousa farán o propio con dous actividades.

audios