Luis López anuncia a aprobación do expediente de contratación das obras para mellorar os firmes na EP-6503 Silleda-Siador-Refoxos, en Silleda, dotado con 780.000 €
O presidente provincial explicou que se actuará na totalidade da estrada, nos 7,6 quilómetros, co fin de salvagardar a seguridade viaria e a debida prestación do servizo público
30/04/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou hoxe a aprobación do expediente de contratación para as obras de reposición do firme na EP-6503, no Concello de Silleda, que conecta Silleda con Siador e Refoxos, unha actuación que conta cun orzamento total de 780.000 euros, O obxectivo das obras, que se realizarán na totalidade dos 7,6 quilómetros da estrada provincial, é salvagardar a prestación do servizo e mellorar a seguridade viaria.
As actuacións divídense en varias fases. Unha primeira de traballos previos e demolicións, na que se retirará o firme actual, escavarase para proceder ao saneamento e levarase a cabo o fresado superficial. Na segunda fase executaranse os novos firmes para, a continuación, proceder á mellora do sistema de drenaxe e, por último, pintarase unha nova sinalización horizontal. A actuación responde á necesidade de rehabilitar e modernizar a plataforma viaria, mellorando deste xeito as condicións de circulación, drenaxe e sinalización da vía, ademais de cumprir toda a normativa vixente.
O presidente Luis López sinalou que esta aprobación forma parte dun paquete de “cinco cuestións relacionadas coa modernización e mellora para outras tantas estradas provinciais, que suman máis de 3 millóns de euros”, aprobadas na Xunta de Goberno desta semana. Ademais desta actuación, tamén se avanzou noutras relacionadas con estradas provinciais da Caniza, Lalín, Tomiño, Gondomar, Baiona e Mos. “Seguimos sumando recursos e aprobando investimentos para mellorar a nosa rede de estradas provinciais e avanzar na seguridade destas infraestruturas que son fundamentais para vertebrar o noso territorio”.
