A Deputación aproba preto de 250.000 € para impulsar melloras nas instalacións deportivas de Fornelos de Montes e Tomiño

Fornelos de Montes emprega todos os recursos do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para reformar os vestiarios e mellorar o equipamento do complexo deportivo, e Tomiño para dotar a área deportiva de Mosteiro de novas pistas de pádel e tenis

01/04/2026

A Deputación aproba preto de 250.000 € para impulsar melloras nas instalacións deportivas de Fornelos de Montes e Tomiño

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, deu conta este mércores do visto bo a novos recursos ao abeiro do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para os concellos de Barro e Cerdedo-Cotobade, que recibirán en conxunto máis de 207.000 euros tralo visto e prace da Xunta de Goberno. O PEID, dotado de 8 millóns de euros, financia nos municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia proxectos de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, así como para a modernización, remodelación e mellora de instalacións e espazos xa existentes.

Fornelos de Montes recibirá máis de 85.000 euros para a reforma dos vestiarios e a mellora do equipamento do complexo deportivo municipal, empregando todos os recursos que lle corresponden neste plan. As actuacións inclúen unhas novas instalacións interiores de fontanería, evacuación e grafaría, a instalación dun novo revestimento interior con pezas de azulexo, pavimento de pezas de gres e falso teito, e tamén a dotación de equipamento como bancos multifunción, sela para o socorrista ou duchas antivandálicas.

Pola súa banda, Tomiño recibirá unha achega de preto de 162.000 € para converter unha pista de tenis existente en tres novas zonas de pádel, e unha pista de pádel existente nunha nova pista de tenis na área deportiva de Mosteiro. Tamén se acometerán as dotacións necesarias para a iluminación tanto destas catro novas pistas como doutras dúas de tenis xa existentes, con focos LED de baixo consumo. A este respecto, prevese a instalación dun cadro con contador e a alimentación tomarase na conexión coa rede prevista no límite da parcela. Trátase tamén de todos os recursos que ten á súa disposición o Concello de Tomiño no marco do terceiro PEID.

O presidente da Deputación, Luis López, asegurou que “esta achega é un exemplo claro de como o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas nos axuda a construír a provincia do deporte na que queremos que se converta Pontevedra”.

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.