A Deputación aproba máis de 110.000 € para que o Concello de Valga acometa melloras na área deportiva da Campaña

Os recursos que recibe Valga no marco do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas permitirán mellorar o alumeado e construír unha nova pista de tenis

01/04/2026

A Deputación aproba máis de 110.000 € para que o Concello de Valga acometa melloras na área deportiva da Campaña

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, deu conta este mércores do visto bo a novos recursos ao abeiro do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para o Concello de Valga, que recibirá preto de 111.000 euros cunha achega que recibiu a luz verde na Xunta de Goberno provincial. O PEID, dotado de 8 millóns de euros, permite aos municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia subvencionar proxectos municipais de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, así como para a modernización, remodelación e mellora de instalacións e espazos xa existentes.

Con esta achega de 110.700 €, todo o que lle corresponde a Valga dentro do terceiro PEID, o concello poderá realizar melloras no alumeado e construír unha nova pista de tenis na área deportiva de Campaña. As actuacións inclúen a substitución das luminarias deterioradas nas torres de iluminación dos campos de fútbol, a demolición e reemprazamento da pista de tenis (coa substitución da rede, o repintado do trazado regulamentario e a instalación dun novo peche), a construción dunha beirarrúa perimetral e a instalación dunha varanda de protección nas zonas con desnivel.

O presidente da Deputación, Luis López, asegurou que “esta achega é un exemplo claro de como o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas nos axuda a construír a provincia do deporte na que queremos que se converta Pontevedra”.