A Deputación investirá máis de 370.000 euros na conservación do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas
“Trátase dun espazo emblemático, que forma parte da nosa identidade e tamén da imaxe que proxectamos da provincia”, subliñou o presidente provincial Luis López
20/02/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra anunciou hoxe que a Xunta de Goberno acaba de aprobar o proxecto para destinar algo máis de 370.000 euros a obras de conservación do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, e destacou que se trata dunha intervención necesaria para garantir a preservación dun edificio histórico, situado na cidade de Pontevedra, que alberga a sede central de Turismo Rías Baixas. Un espazo emblemático que, segundo sinalou, "forma parte da nosa identidade e tamén da imaxe que proxectamos da provincia".
As actuacións previstas permitirán resolver as patoloxías existentes e evitar un deterioro maior tanto nos elementos da fachada —muros, carpinterías, varandas e outros elementos— como nos espazos interiores, ademais de mellorar as condicións de habitabilidade e salubridade do edificio e intervir sobre o peche perimetral da parcela, que presenta un estado avanzado de deterioro.
"Estamos a falar de conservar o que é noso, de coidar un inmoble que é referencia e que recibe cada ano a milleiros de persoas", lembrou López que insistiu en que o turismo "debe avanzar da man da conservación do que nos fai únicos, da responsabilidade e do respecto polo patrimonio".
