A Deputación de Pontevedra aproba 160.000 € para impulsar melloras en instalacións deportivas de Meis e Salceda de Caselas
O presidente Luis López informou de novos recursos no marco do terceiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, cos que “os concellos se suman ás transformacións da provincia do deporte”
27/02/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar dúas axudas por valor de 160.000 euros para os concellos de Meis e Salceda de Caselas no marco do terceiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID). Por unha banda, Meis recibirá 105.000 € para financiar a dotación dunha pista de pádel e outra de pickleball no pavillón municipal do Mosteiro, mentres que Salceda de Caselas recibirá 55.000 € para renovar a iluminación do campo de fútbol Penedo Redondo. Grazas a esta nova inxección de recursos, “os concellos de menos de 50.000 habitantes se suman ás transformacións da provincia do deporte”, sinalou Luis López, que sinalou que “estas dúas axudas son dous exemplos máis do beneficioso que é o PEID para eles”.
No caso de Meis, como adiantou este xoves o deputado Javier Tourís na súa visita ás instalacións, trátase de todos os recursos dos que dispón na actual convocatoria do plan. Con estes 105.000 euros, aprobados este venres na Xunta de Goberno, Meis afrontará construción de novas pistas deportivas de pádel e de pickleball na contorna do pavillón de deportes do Mosteiro, ademais de acondicionar e humanizar o espazo.
No caso de Salceda de Caselas, aprobáronse por resolución presidencial 55.000 euros para a renovación da iluminación do campo de fútbol Penedo Redondo, onde a Deputación xa actuou no marco do segundo PEID cunha achega de 134.000 euros para a súa remodelación. Con esta nova achega conseguirase un aforro enerxético do 62% respecto ao actual, ademais de mellorar as condicións de iluminación e visibilidade no campo.
Con recursos do terceiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de 8 millóns de euros, os concellos de menos de 50.000 habitantes para impulsar novas instalacións deportivas, modernizar e mellorar as existentes, dotalas de equipamento ou adquirir terreos para uso deportivo.
