A Deputación aproba máis de 205.000 euros para financiar a remodelación do velódromo municipal do Porriño

Luis López sinalou que se trata de recursos do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas cos que O Porriño poderá dotar esta instalación dun skate park e pump track de preto de 3.000 m2

24/04/2026

A Deputación aproba máis de 205.000 euros para financiar a remodelación do velódromo municipal do Porriño

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres que o Concello do Porriño recibirá unha achega de máis de 205.000 euros co obxectivo de remodelar as instalacións do velódromo municipal e dotalas dun skate park e un pump track. Trátase dunha axuda do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de 8 millóns de euros para os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia, que grazas a estes recursos “poden sumarse á provincia do deporte”, asegurou Luis López.

A achega permitirá actuar nestas instalacións situadas na Guía, na parroquia de Atios, co que se conseguirá unha zona para a práctica deportiva de preto de 3.000 m2 dividida en sectores diferenciados para a zona de skate park e pump track, que terán unha zona de descanso e comunicación entre os dous circuítos. O skate park contará con distintos tipos de planos inclinados e ramplas que ofrecerán un amplo abano de posibilidades de movementos, piruetas e acrobacias para skate, BMX, scooter e roller. Terá forma circular con diferentes alturas, e o plano inclinado disporá de elementos como un hubba, dous caixóns e un bordo circular.

Pola súa banda, o pump track terá niveis de iniciación e experto xa que contará con dous circuítos, contando con que o experto sexa accesible para todos os niveis axustando a velocidade. A súa diferenza principal respecto á zona de iniciación será que os dubbies serán grandes e os peraltes pronunciados, ademais de contar con mesetas que permiten coller altas velocidades. Por último, a zona de descanso configurarase no centro da pista e terá dúas zonas circulares con banco corrido de formigón e elementos vexetais no centro.

Luis López sinalou que “non hai Xunta de Goberno na que non afondamos na prioridade que debe ter unha institución coma esta: a cooperación cos concellos”. O presidente da Deputación asegurou que o PEID permite que os concellos conten con “infraestruturas municipais preparadas para acoller competicións de todas as modalidades e disciplinas, e clubs que fomentan a práctica deportiva desde a canteira ata a elite”.

videos

audios