A Deputación aproba recursos por valor de preto de 44.000 euros para que o Concello de Mondariz acometa a reforma da pumptrack
Estes recursos forman parte do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que dirixe a Mondariz preto de 103.000 euros para a mellora das súas dotacións deportivas
27/04/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar recursos por valor de preto de 44.000 euros para que o Concello de Mondariz acometa a reforma da pumptrack da Avenida Grupo Escolar. A concesión enmárcase no terceiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de 8 millóns de euros con destino a que os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan subvencionar proxectos municipais de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, así como para a modernización, remodelación e mellora de instalacións e espazos xa existentes.
Con estes recursos o Concello de Mondariz realizará unha reforma da actual pumptrack, para construír unha pista nova que se poida percorrer completamente cunha bicicleta sen a necesidade de empregar os pedais, soamente co impulso e inercia dos saltos e peraltes do circuíto e a habilidade da persoa ciclista. Ademais desta nova infraestrutura deportiva, tamén se instalará unha tirolesa nas súas inmediacións, co obxectivo de construír un espazo accesible que poida centralizar diferentes actividades de ocio. Para acometer a actuación, en primeiro lugar eliminarase o circuíto existente, a continuación realizarase un perfilado do terreo, instalaranse drenaxes, construírase a forma, perfilarase o circuíto, asfaltarase e marcaranse as liñas de seguridade.
Mondariz está a recibir no marco do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID) preto de 103.000 euros para a mellora das súas instalacións deportivas. Deste xeito, coas achegas da Deputación, o concello vai impulsar, ademais desta reforma da pumptrack, o proxecto de remodelación e mellora das infraestruturas deportivas municipais.