A Deputación aproba a concesión de máis de 800.000 euros para apoiar 66 novas contratacións de persoal en cinco concellos da provincia
Luis López informou do visto bo a estas novas achegas do Plan +Provincia 2026-2027, que permitirán reforzar os servizos municipais de Tui, Cuntis, O Grove, Baiona e Moaña
01/04/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou este mércores da aprobación na Xunta de Goberno provincial de cinco novas achegas por valor de máis de 800.000 euros aos concellos de Tui, Cuntis, O Grove, Baiona e Moaña para impulsar un total de 66 novas contratacións no marco da liña 3 do Plan +Provincia 2026-2027.
Grazas a estes recursos, os cinco concellos poderán reforzar os seus servizos municipais coa incorporación de persoal temporal de diferentes perfís. Así, Tui recibirá 93.000 € para crear 6 postos de traballo (un operario soldador/cerralleiro, un enxeñeiro técnico forestal, dous peóns de horticultura e xardinería e dous operarios de limpeza), Cuntis 106.000 € para 9 contratacións (dous operarios de parques e xardíns, tres albaneis, dous peóns albaneis, un condutor de camión e un peón do lixo) e O Grove 179.000 € para impulsar 17 contratacións (tres condutores de camión C+CAP, un operario, dous peóns de xardinaría, dez peóns de limpeza e un animador sociocultural).
Tamén reciben recursos Baiona, para crear 14 postos de traballo (206.000 € para sete peóns de obra pública, un condutor de camión, catro operarios de limpeza viaria e recollida de lixo e dous conserxes de espazos museísticos e biblioteca) e Moaña, para a creación de 20 postos de traballo (219.000 € para un oficial albanel enterrador, un oficial electricista, un limpador, un conserxe de servizos múltiples, tres peóns de obra pública, seis peóns especialistas en medio ambiente-forestal, catro peóns especialistas xardineiros, dous peóns xardineiros e un limpador).
Luis López destacou que “seguimos sumando recursos dentro destes 85 millóns de € dos que está dotado o +Provincia 2026-2027, o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación de Pontevedra”.
