Luis López confirma que a Deputación financiará integramente a humanización da contorna histórica de San Martiño, en Moaña, con preto de 1,3 millóns de euros
A Xunta de Goberno acaba de dar luz verde a máis de 190.000 € do Plan +Provincia para cubrir a achega municipal destinada a esta actuación, que recibira xa 900.000 do Plan Extra 2024 e outros 185.000 do Plan +Provincia 2025
08/05/2026
Luis López confirma que a Deputación de Pontevedra financiará integramente a humanización da contorna histórica de San Martiño, en Moaña, con preto de 1,3 millóns de euros. A Xunta de Goberno do organismo provincial acaba de dar luz verde a máis de 190.000 € do Plan +Provincia para cubrir a achega municipal destinada a esta actuación, que recibira xa 900.000 do Plan Extra 2024 e outros 185.000 do Plan +Provincia 2025.
Cos recursos provinciais vaise poñer en valor e recuperar o espazo público para as persoas no conxunto arquitectónico integrado pola igrexa románica do século XII-XIII, os cruceiros e as edificacións da contorna. Neste lugar crearase unha plataforma única con prioridade peonil, porase en valor o empedrado orixinal e dotarase á zona dunha iluminación adecuada e eficiente.
Ademais, a actuación completarase co acondicionamento e ordenación dos espazos, servizos urbanos e pavimentos; o soterramento da rede de subministro de enerxía eléctrica e telecomunicacións; a mellora da rede de saneamento de auga e a renovación da rede de evacuación e a disposición de nova sinalización e mobiliario urbano, con bancos de granito con luces led, papeleiras e aparcadoiros de bicicletas.
