Luis López anuncia a aprobación dun millón de euros do Plan +Provincia para A Guarda, Moaña, O Porriño, Ponte Caldelas, Salceda de Caselas e Soutomaior
“Seguimos sumando recursos dentro destes 85 millóns de euros dos que está dotado o +Provincia 2026-2027, o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación”, subliñou o presidente
20/02/2026
Luis López acaba de anunciar a aprobación dun millón de euros para A Guarda, Moaña, O Porriño, Ponte Caldelas, Salceda de Caselas e Soutomaior ao abeiro do Plan +Provincia. "Seguimos sumando recursos dentro destes 85 millóns de euros dos que está dotado o +Provincia 2026-2027, o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación", subliñou o presidente.
Ponte Caldelas recibe 116.000 euros da liña 1, de investimentos, do plan para financiar o proxecto do futuro parque termal, que se suman aos 700.000 € que a Deputación xa achegou dentro do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra. Pola súa parte O Porriño recibirá 207.000 para financiar a achega municipal do convenio para a mellora da mobilidade peonil na EP-2405 O Cerquido-Budiño, unha obra que estará así financiada ao 100% (un millón de euros) pola Deputación. Ademais, ao abeiro da liña 1 Salceda de Caselas contará con 133.000 euros para o novo ramal de saneamento en San Estevo de Budiño e Moaña con 256.000 € para a humanización da travesía estrada da Praia, en Meira.
Xa ao abeiro da liña 3, de activación do emprego, Soutomaior recibirá 123.000 euros para contratar a 18 persoas desempregadas: 10 peóns forestais, 3 varredores, 3 albaneis, 1 auxiliar de biblioteca e 1 auxiliar administrativo, e A Guarda 172.000 € para 10 peóns limpadores.
