A Deputación contratará por preto de 90.000 euros as visitas guiadas teatralizadas para desfrutar dos castelos de Soutomaior e Sobroso

“Estas visitas son sempre un auténtico éxito e queremos converter os castelos en bastións dun turismo de calidade e desestacionalizalo”, subliñou Luis López

17/04/2026

A Deputación de Pontevedra retomará este ano as visitas teatralizadas ao Castelo de Soutomaior e ao de Sobroso. Así o anunciou o presidente provincial, Luis López, que informou que a Xunta de Goberno da institución provincial aprobou o expediente para contratar este servizo cun orzamento máximo próximo aos 90.000 euros. “Estas visitas son sempre un auténtico éxito”, explicou López sobre unha actividade que achega a historia dun xeito ameno e divertido, sobre todo aos máis pequenos da casa.

Deste xeito, tal e como informou o presidente provincial, contrataranse un total de 54 visitas teatralizadas, das que 44 terán lugar no Castelo de Soutomaior e as outras 10 no de Sobroso. Estas visitas guiadas teatralizadas desenvolveranse a principios do outono, é dicir, entre outubro e novembro, e durante o período do Nadal.

“Queremos converter aos castelos de Soutomaior e Sobroso en bastións dun turismo de calidade e desestacionalizado, porque son dúas xoias aínda por descubrir”, asegurou Luis López, quen tamén incidiu en que esta proposta axudará a que os de dentro e os de fóra descubramos a historia, a beleza e as múltiples posibilidades destes dous emblemas da nosa provincia.