A Deputación reivindica o rol das produtoras da terra e do mar da provincia e o Sur Global na xornada da cuarta edición do programa Somos Ponte

A deputada de Benestar Social, Paula Bouzós, puxo en valor o “impulso que moitas mulleres fan desde o rural para crear emprego e contribuír a fixar poboación en zonas de reto demográfico”

19/10/2026

A Deputación reivindica o rol das produtoras da terra e do mar da provincia e o Sur Global na xornada da cuarta edición do programa Somos Ponte

O Salón de Plenos do Pazo provincial acolleu este luns unha nova xornada do proxecto Somos Ponte desenvolvido pola Deputación de Pontevedra e a Coordinadora Galega de ONGD. No marco desta cuarta edición do proxecto, ambas as dúas entidades organizaron un encontro entre mulleres traballadoras do mar e da terra de Pontevedra e de países do Sur Global co fin de visibilizar as conexións existentes as produtoras destes dous territorios, así como a súa importancia social como garantes da soberanía alimentaria e o coidado do territorio. A xornada, en horario de 10:00 a 18:00 horas, foi inaugurada pola deputada de Benestar Social e Igualdade, Paula Bouzós.

A deputada provincial lembrou que esta xornada se celebrou uns días despois da conmemoración do Día Internacional das Mulleres Rurais, así como a importancia de “seguir reivindicando o traballo, o talento e o liderado das mulleres que contribúen cada día ao desenvolvemento do rural galego” e para “poñer en valor o impulso que moitas mulleres están a facer desde o rural para crear emprego e oportunidades, e contribuíndo a fixar poboación en zonas de reto demográfico”.

Paula Bouzós tamén asegurou que “non podemos esquecernos do papel que desde o mundo local temos á hora de impulsar proxectos que nos axuden a conectar con outros territorios, sempre desde unha óptica de solidariedade”, poñendo en valor a colaboración da Deputación coa Coordinadora Galega de ONGD para “seguir poñendo o foco no mellor que nos pode deixar a globalidade: defender os pobos e axudarnos para alcanzar a xustiza social en todas as latitudes do planeta”.

A xornada do proxecto Somos Ponte serviu para aprender de experiencias profesionais compartidas e sobre a situación das mulleres como profesionais do sector primario nos distintos territorios, e tamén para coñecer a estratexias de responsables comunitarias e defensoras de dereitos do Sur Global fronte a retos que descubriremos comúns. Nela participaron a mariscadora, mariñeira e defensora ambiental Antonia Mejía (Honduras), a agricultora e conservadora de sementes autóctonas Dilma Cruz (Honduras), a produtora agrícola e pecuaria Elida Súchite (Guatemala), a responsable do seguimento técnico dos proxectos da asociación para a defensa do hábitat MejorHa Hadee Méndez (Guatemala) e a defensora de dereitos humanos Haydée Castillo (Nicaragua).

Tamén participaron profesorado e alumnado dos proxectos da provincia distinguidos co Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global, chegados desde Valga (IES Plurilingüe) e Pontevedra (IES Luís Seoane) e desenvolvéronse un obradoiro de regueifa colectiva da man de Raquel Picallo e outro coas coreógrafas Eva Comesaña e Alejandra Balboa que culminou nun espectáculo final.

Galerias de imaxes