A Deputación organiza unhas xornadas informativas para promover adhesións ao Plan de Calidade do SICTED

As adhesións ao proxecto “Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos (SICTED) da provincia” non supoñen coste algún para os negocios turísticos ao tratarse dunha iniciativa financiada pola Deputación de Pontevedra

12/02/2023

A Deputación organiza varias xornadas informativas presenciais  para promover adhesións ao Plan de Calidade do SICTED e contribuír, así, á mellora da competitividade das pemes e á posición estratéxica da provincia como destino líder a nivel estatal en canto a calidade turística.

As actividades informativas en Vigo, Redondela e Nigrán terán lugar este mércores, 15 de febreiro, ás 11.00 horas, na sede da Deputación en Vigo, e o martes 28 de febreiro ás 11.00 horas na Oficina de Turismo de Redondela (Rúa Isidoro Queimaliños, Nº2) e ás 16.30 no Auditorio de Nigrán.

En Poio e Pontevedra haberá dúas actividades informativas, que terán lugar este mércores, 15 de febreiro, ás 16.30 horas, no Palacete das Mendoza de Pontevedra, e o mércores 1 de marzo, ás 11.00 horas, no Casal de Ferreirós de Poio. A xornada informativa sobre o SICTED en Poio será presencial mentres que a de Pontevedra poderá seguirse de xeito presencial e tamén online (neste caso é preciso cubrir o formulario en turismoriasbaixas.com/xornadas-sicted-2023).

A institución provincial organiza tamén dúas actividades formativas presenciais no Grove e Vilagarcía de Arousa. As xornadas terán lugar este xoves, 16 de febreiro, ás 11.00 horas na Sala das Cunchas da Casa do Concello do Grove e tamén ese mesmo día pero ás 16.30 horas na Sala de Conferencias do Auditorio Municipal de Vilagarcía.

As adhesións ao proxecto “Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos (SICTED) da provincia de Pontevedra” non supoñen coste algún para os negocios turísticos ao tratarse dunha iniciativa financiada pola Deputación de Pontevedra.

A través destas actividades a Deputación trasladará ás empresas as vantaxes da obtención do certificado SICTED, que recoñece o esforzo e o compromiso coa calidade e a mellora continua e mellora a experiencia das e dos turistas no destino. Para a institución provincial é fundamental espallar sistemas de calidade nas empresas e entidades turísticas da provincia para garantir sistemas estandarizados e satisfacer ás persoas que consumen produtos e servizos turísticos do e no territorio.

A Deputación é líder no Estado en canto a entidades distinguidas, con 322 empresas, e o 70% das empresas turísticas do SICTED en Galicia están na provincia de Pontevedra. O esforzo que está a realizar a institución provincial para espallar a metodoloxía do SICTED e o seu compromiso coa calidade turística foi recoñecido o pasado ano co premio ao “Mellor destino SICTED” outorgado pola Secretaría de Estado de Turismo.

Ligazóns de interese