Luis López salienta que o mundo do mar ligado a Combarro será un dos grandes atractivos da etapa pontevedresa de La Vuelta a España
O presidente provincial participa na inauguración desta festa que se celebra do 28 ao 31 de agosto nesta vila de Poio, emblema do destino Rías Baixas
28/08/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta que o mundo do mal ligado a Combarro, emblema do destino de turismo Rías Baixas, será un dos grandes atractivos da etapa pontevedresa de La Vuelta a España, que sairá desde esta histórica vila mariñeira o vindeiro día 9 de setembro. "A Festa do Mar de Combarro, non é só unha festa gastronómica, é unha exposición do que somos os que temos a sorte de vivir en Poio nesta provincia", afirmou o presidente da Deputación na presentación da vixésimo cuarta edición da Festa do Mar, unha das citas gastronómicas e culturais de maior tradición do territorio que se celebra desde este xoves ata o domingo no Concello de Poio e na que tamén participou o alcalde de Ángel Moldes; e a conselleira de Vivenda e Infraestruturas, María Martínez Allegue.
"Se a provincia é o destino turístico de moda, o favorito dos que veñen a Galicia, Combarro é unha das súas xoias máis valiosas", comezou o mandatario provincial un discurso no que puxo en valor o bo momento que atravesa a provincia en materia de turismo. Un sector líder en Galicia, que segue medrando e que é cada ano máis internacional. Fitos nos que tanto o sector turístico, como a veciñanza e gobernos locais como o de Poio son responsables. "Os profesionais do sector, que ofertan experiencias únicas; os profesionais do mar, que poñedes a nosa disposición o mellor produto do mundo; a veciñanza que acolle con extraordinaria hospitalidade a todos os viaxeiros; e xestores públicos como o alcalde Ángel Moldes e o seu equipo de goberno, que promoven o turismo con iniciativas como esta Festa do Mar e tamén con acontecementos de impacto global como o do vindeiro día 9 de setembro: coa saída dunha etapa de La Vuelta a España desde Combarro", argumentou o dirixente, quen tamén salientou a mellora da convivencia nesta vila con accións promovidas polo Concello como o incremento de prazas de aparcamento.
Ademais de subliñar o peso de Combarro como un dos maiores atractivos turísticos das Rías Baixas, o presidente da Deputación admitiu que esta histórica vila mariñeira é tamén emblema da calidade de vida da provincia. "Combarro é moito máis ca unha parada obrigada. Ver esas chalanas amarradas ao peirao ou esas rúas empedradas son a descrición dun xeito de vivir que algúns chaman 'slow life', pero que en realidade é a definición exacta do noso estilo de vida: a mostra do orgullo que sentimos pola nosa cultura, a felicidade que nos reporta o noso modo de vida e a nosa estreita e profunda relación co mar", confesou Luis López.
Antes de convidar a todo o mundo a achegarse esta fin de semana a Combarro, o mandatario provincial agradeceu o labor do Concello e de todas as entidades que se implican na organización da Festa do Mar, reafirmou o compromiso da Deputación para seguir colaborando con ela e remarcou a posición da provincia como referencia turística. "Os turistas veñen pola beleza da nosa terra, pero sempre volven polo exquisito e excelente trato que reciben", concluíu Luis López.
