A Deputación dota de zonas de descanso intelixentes ao comercio de proximidade da provincia

Moaña estrea os seus novos bancos e totems informativos con cargadores solares, puntos de recarga para móbiles, iluminación ou elementos ornamentais

28/12/2022

Moaña

A deputada delegada de Promoción Económica e Emprego da Deputación de Pontevedra, Raquel Giráldez, fixo entrega ao concelleiro de Mobilidade de Moaña, Rodrigo Currás, das novas zonas de descanso verdes instaladas no municipio para potenciar o comercio local, converténdose así nun dos primeiros concellos en recibir estas novas dotacións. En total, ao longo dos últimos meses instaláronse estas áreas de descanso en 20 concellos da provincia ao abeiro dos proxectos “Da túa man”, dirixido a municipios para o apoio a mercados, zonas urbanas comerciais, comercio non sedentario e canles curtas de comercialización, e “Commerce Inside”, dirixido a concellos turísticos. Os proxectos, dos que o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo a través do Plan de Recuperación financia o 70% do orzamento, buscan favorecer o comercio polo miúdo e axudarlle a abordar os retos dixitais aos que se enfrontan na actualidade os establecementos de proximidade.

Os concellos beneficiarios son os de Moaña, A Cañiza, Gondomar, Meaño, Silleda, Ribadumia, Poio, Ponte Caldelas, O Rosal, Salceda de Caselas e Tomiño, no caso do proxecto “Da túa man”, e Baiona, Bueu, Tui, Soutomaior, Caldas de Reis, Nigrán, Sanxenxo, Cambados e O Grove, a través de “Commerce Inside”. Todas eles contan xa con zonas de descanso en diferentes localizacións dos municipios, que serán entregadas para a xestión municipal nos vindeiros días. Na gran maioría dos casos, están dotadas con cargadores solares, puntos de recarga para teléfonos e dispositivos dixitais, asentos, iluminación e xardineiras, mentres que noutros tan só contarán con xardineiras.

Por outra banda, un amplo porcentaxe destas novas áreas verdes de descanso está dotado con paneis informativos luminosos de baixo consumo que mostrarán toda a información precisa sobre a localización da zona comercial e dos comercios existentes na mesma, impulsando desta maneira a comunicación dos espazos comerciais destes 20 municipios e dotándoos dunha imaxe personalizada, para caracterizalos así como un espazo único e homoxéneo. Toda a información dispoñible poderá consultarse a través dun código QR e cargaranse con enerxía solar.

Ao instalar estas áreas, a Deputación buscaba favorecer os procesos de compra, embelecer a contorna comercial, crear novos puntos de reunión vinculados ao comercio, mellorar a experiencia de compra das persoas consumidoras, garantir a accesibilidade universal para todas as persoas e promover a utilización de enerxías renovables a través de cargadores solares.

Na seguinte fase de ambos proxectos instalaranse dúas illas ecolóxicas en cada un dos municipios, que contarán con colectores para o depósito dos diferentes residuos urbanos, fomentando a reciclaxe destes ao tempo que estes novos ecopuntos se integran na contorna, mellorando desta maneira a estética da zona. Ademais, no caso dos concellos de “Da túa man” instalaranse puntos de recollida intelixentes con “smart lockers” para transformar os principais puntos de venda ou se desenvolverá un sistema de recollida de pedidos de forma colaborativa para impulsar os procesos de compra, entre outras actuacións.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 10 resultados.