#CULTURA

“Un bel di vedremo”

Exposición de Pilar Alonso

Sala Maruja Mallo, Sede de Vigo

Do 27 de maio ao 22 de xullo

Inauguración: 27 de maio, ás 19:00 h

+ Solo de danza de Rut Balbís (en interacción coa obra)


Se tivese que describir a miña obra en poucas palabras, diría que é un autorretrato escénico que utilizo a modo de autobiografía; eu mesma despregada no espazo e proxectada no tempo. Quizá sería máis exacto falar de autorretrato escénico autobiográfico.

Sempre me percibín como unha sucesión de espazos, uns dentro doutros.

É a miña obra, en fin, un reflexo de como concibo o mundo e a min dentro deste, coma un gran fractal; unha estrutura que se vai repetindo cada vez máis grande creando estruturas maiores. É unha estrutura similar ás matrioskas, que se usa tamén nas artes narrativas e que se chama “construción en abismo” (mise en abyme). O meu eu funciona como un espazo doméstico, privado, alén do mundo exterior.

A idea de interior e exterior, de público e privado, funciona espacialmente de forma similar a un escenario. A tremoia sería ese espazo doméstico dentro do cal está o xardín no que Cándida, a personaxe máis próxima a min, é a creadora que observa todo e que permanece coma un habitante do Edén. A escena, ao mundo exterior, saen as súas creacións a interpretar ou a resolver momentos de vida. Cándida constrúeos e dótaos de todo o necesario para a escena, coas súas fortalezas e coas súas debilidades.

Pilar Alonso, 2022

Partir do concreto cara ao universal. Construír un relato autobiográfico partindo de anacos de realidade e ficción superpostos en capas. A artista Pilar Alonso preséntanos a instalación “Un bel di vedremo”, a cal fala da intimidade, do público e do privado, superpoñéndolle identidades á súa propia.

O obxecto do que brota esta obra é a portada dun disco que lembraba en casa dos seus pais. Na portada había unha muller semiagochada por un abano e as pólas florecidas dun magnolio rosado. Era a portada da ópera de Puccini Madame Butterfly.

A Butterfly no aria que lle dá nome á exposición canta como se imaxina o seu reencontro con Pinkerton e como ela se ocultaría para que el a buscase. Igual que na portada.

A instalación inspírase nese abano, que abre e pecha, mostrando e ocultando o xardín interior coma metáfora do íntimo, desdebuxando os límites da privacidade, conectando así co universal desa idea hoxe, na era da internet e das redes sociais, na que se reformulan os límites do privado. E máis aló: o que vemos é real ou só aparencia?

Experimentamos, así, un percorrido por un espazo escénico que dota de temporalidade o soporte plástico.

Pilar Alonso
Pilar Alonso

Pilar Alonso nace en Vigo, licénciase en Belas Artes pola Universidade de Sevilla, cursa estudos de posgrao cunha bolsa da Fundación Pedro Barrié de la Maza na Städelschule de Frankfurt co artista Per Kirkeby. En 2018 recibe o galardón de Galega Destacada. Ao longo da súa carreira expuxo en galerías e espazos de España e Alemaña, coma o Kunstraum Bethanien de Berlín; a Fundación Novacaixagalicia de Vigo; o Centro Gaiás de Santiago; a Galería Ana Vilaseco da Coruña; a Galería Marisa Marimón de Ourense; a Sala Rivadavia da Deputación de Cádiz; o Museo Cruz Herrera de La Línea de la Concepción; ou o castelo de Santa Catalina de Cádiz, entre outros espazos.

Especialmente sensible ás sinerxías con outras artes e expresións creativas, desenvolveu proxectos escenográficos para espectáculos de danza e concertos de música. A súa obra forma parte de coleccións coma a da Fundación Pedro Barrié de la Maza, a Fundación Novacaixagalicia ou Caja Segovia.

A partir de 2012 comeza unha serie de instalacións site-specific chamadas “Tengo una pared”, que a levan a desenvolver proxectos a medida para espazos de empresas privadas (coma Pereira ou Nexo Infinity) e institucións, entre as que destaca o Museo do Pobo Galego (con motivo do seu cuadraxésimo aniversario), o Centro de Negocios do CZFV en Porto do Molle ou os concellos de Vigo e de Tomiño.

Tras “La diva”, proxecto artístico-narrativo que engloba unha serie de debuxos de grandes dimensións, instalacións e pinturas comezado durante a súa residencia no centro Glogauair de Berlín, empeza a traballar en “ The Cabinet of Cándida Standwick” e, posteriormente, na serie “Mise en Abyme ”. Unha sorte de spin-offs que parten dos motivos da serie anterior para expor un debate sobre a intimidade, as máscaras e a identidade.

Obradoiros

OBRADOIRO EDUARDO CHAO
13 e 14 de xuño, de 17.00 a 20.30 h

O OCULTO E O VISIBLE. OUTRAS FORMAS DE CONTAR


LUGAR: Sede da Deputación en Vigo

PERSOAS DESTINATARIAS: Calquera interesada maior de 16 anos

INSCRICIÓN: Gratuíta, enviando un correo a participa.cultura@depo.es

PRAZAS: 12


As cidades non só son construcións físicas de rúas e edificios, hai tamén un pouso de traxectos humanos, unha estratificación de historias vitais que se superpoñen, algunhas coñecidas e outras anónimas -aínda que todas contribúen a que a cidade sexa o que é- historias visibles (por placas ou monumentos conmemorativos) ou non contadas. O obxecto deste obradoiro é poñer de relevo todas esas capas de historia da cidade que se superpoñen no traxecto da rúa Eduardo Chao e nos seus arredores, e tamén o carácter efémero do noso paso polas cidades que habitamos ao empregar un soporte temporal coma os paste-ups.

Partiremos da idea de fito conmemorativo, que usualmente se fai con placas escritas ou esculturas, e desenvolverémola e plasmarémola nunha intervención efémera de arte urbana a través da técnica de paste-up realizada con fotocopias de colaxe e debuxo. É unha reflexión sobre a idea da memoria, do efémero, das historias que se superpoñen sobre os espazos que habitamos e de como se entrelazan e evolucionan. Somos como as capas estratificadas dun xacemento, as nosas historias vitais deixan unha pegada na cidade, que vai desaparecendo co tempo. Será unha metáfora consciente do efémero porque a técnica do paste-up desaparece, do mesmo xeito que o fan as pegadas de quen pasou por eses sitios. Só queda na memoria.

OBXECTIVOS

  • Coñecer a historia da zona que rodea o edificio da sede da Deputación en Vigo.
  • Crear lazos entre as diferentes historias e entender como chegaron ata nós.
  • Tomar conciencia da nosa identidade e da nosa historia a través de linguaxes contemporáneas, da intervención de arte urbana.
  • Poñer de relevo historias e persoas da cidade.

CRONOLOXÍA

  • Día 1
    • Presentación do proxecto e desenvolvemento teórico.
    • Explicación da conexión do proxecto-obradoiro coa obra exposta (o oculto e o efémero).
    • Charla-explicación do contexto e dos conceptos que imos utilizar, historia, memoria, soportes convencionais e de arte urbana (a idea de deixar pegada, constancia do teu paso por ese sitio físico).
    • Charla-percorrido para coñecer a historia da zona da rúa Eduardo Chao, onde se sitúa a sede da Deputación en Vigo.
    • Selección do traxecto e dos puntos que se van intervir, das historias que queremos contar e das pegadas que queremos deixar e volver facer visibles (exterior).
    • Desenvolvemento das imaxes coas que imos contar esas ideas ou historias, e como as imos narrar.
  • Día 2
    • Realización técnica das imaxes. Seriación destas de modo reprográfico (fotocopiadora).
    • Estudo de intervención das localizacións seleccionadas.
    • Recortado e coado das imaxes nas zonas seleccionadas (exterior).
    • Creación dun código QR ou dun hashtag que acompañe a intervención e a explique. Reportaxe fotográfica do proceso e do percorrido.